Covid: As vítimas no país superan as 1.160

Unha persoa é trasladada a un centro hospitalario contaxiada pola Covid-19. (Foto: Europa Press)
Se os pasamentos pola pandemia estivesen repartidos durante todo o que pasou deste 2020 habería máis de tres mortes cada día. Das 15 comunicadas esta segunda feira pola Consellaría de Sanidade, sete tiñan algún vínculo coas residencias de maiores.

Fontes da Consellaría de Sanidade veñen de informar de outros 15 falecementos polas doenzas derivadas da Covid-19 na Galiza. A cifra de pasamentos desde o comezo da pandemia xa está nos 1.161. Outra forma de comprender a magnitude desta doenza é pensar que, se os óbitos fosen ordenador e tivesen lugar repartidos ao longo de todos os días do que pasou de 2020, cada xornada terían morto máis de tres galegas e galegos.

Os 15 decesos dos que falan as autoridades sanitarias hoxe non só se refiren a esta segunda feira, senón tamén a aqueles que tiveron lugar na fin de semana e non foron confirmados, notificados ou sumados nas estatísticas até esta tarde.

Novamente, as usuarias e usuarios de centros de maiores foron das pacientes máis prexudicadas polos efectos do coronavirus. En total, finaron sete persoas vinculadas a estas infraestruturas que están no foco social.

No Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) sumaron o pasamento dunha muller da Ballesol de Oleiros de 97 anos. Nas instalacións da Domusvi do mesmo municipio perdeu a vida outra doente, neste caso de 88 anos.

No centro hospitalario ourensán non puideron facer nada por salvar a un varón de 78 anos que fora trasladado desde a Nosa Señora dos Miragres de Barbadás. No Vithas Fátima de Vigo avisaron do pasamento dunha paciente de 84 anos que residía na Doral de Mos. Na mesma área sanitaria, xa na DomusVi de Ribadumia morreron dúas doentes de 94 e 88 anos da DomusVi Ribadumia.

Así mesmo, na Ballesol de Vigo informaron á Xunta do falecemento dunha enferma de 91 anos de idade.

Á marxe destas mortes tan concretas, na Coruña o coronavirus acabou coa vida dunha muller de 53 anos, un home de 69 e outro de 71. Todos estaban ingresados no hospital, ao igual que unha paciente ourensá de 91 anos.

No Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) os equipos sanitarios atenderon a unha infectada de 95 anos que non superou o virus e, en Compostela, rexistráronse os óbitos dun home de 80 anos e unha muller de 88.