Covid: Vigo e A Coruña baixan ao nivel medio de restricións

Imaxe de arquivo de consumidores nas terrazas da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A decisión da Consellaría de Sanidade, xustificada pola mellor evolución epidemiolóxica nas dúas cidades, saíu publicada no Diario Oficial da Galiza esta sexta feira. Desta maneira, só 31 municipios fican co nivel alto de prohibicións.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunicou esta sexta feira un cambio nas restricións derivadas do coronavirus nas cidades de Vigo e A Coruña. Após detectar unha evolución favorábel, ambas urbes foron baixadas ao nivel medio de limitacións a través dun anuncio no Diario Oficial da Galiza (DOG).

Na versión “BIS” deste documento oficial, explícase que no momento no que decorreu a reunión do Comité Clínico “a súa situación era propia do nivel alto, ben que xa se advertía que a súa evolución era favorábel e que era posíbel que puidesen descender de nivel nos seguintes días”.

O Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública datado a 20 de agosto revela esa melloría da afección da Covid-19, polo que as prohibicións serán menores nos dous municipios -que estaban no chanzo alto- a partir deste fin de semana.

“Concretamente, no caso de Vigo, saliéntase que a súa taxa de incidencia axustada a 7 días é propia do nivel medio de restricións; ademais, neste concello a razón de taxas a 7 días está por debaixo do 1 (concretamente é de 0,68), o que confirma a boa evolución da situación”, indica a Consellaría de Sanidade a través do escrito.

Alías, “o concello da Coruña tamén amosa unha mellora importante da súa situación epidemiolóxica, cunha evolución moi favorable que se reflicte nunha razón de taxas a 7 días por debaixo do 1 (concretamente, 0,60), o que significa que a incidencia a 7 días está a descender, cunha redución do 40 % con respecto á semana anterior”.

Medidas a cumprir

A baixada das dúas cidades máis grandes do país implica que alí a máscara será obrigatoria en todo momento para os maiores de seis anos en espazos fechados de uso público aínda que se poida garantir a distancia de seguridade de 1,5 metros. O mesmo sucederá nos lugares ao aire libre.

Os lugares de culto ficarán ao 75% da súa capacidade, mentres que tanto piscinas como parques acuáticos poderán aceptar a entrada do 50% das persoas que poderían ser atendidas en condicións normais, entre outras cuestións.

No que se refire á hostalaría, tamén haberá un 50% de limitación cun máximo de seis persoas por mesa en interiores e de dez nas terrazas. Non haberá servizo de barra. No lecer nocturno, as medidas serán moi similares.

Os municipios, por chanzos de prohibicións

Así ficarán con restricións altas Arbo, Ares, Arteixo, O Barco, Betanzos, Bueu, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Camariñas, A Cañiza, Cee, Fisterra, O Grove, Laxe, Malpica, Meis, Miño, Muxía, As Neves, Nigrán, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontedeume, Rábade, Redondela, A Rúa, O Rosal, Sada, Tomiño, Tui e Vimianzo.

Na mesma situación que A Coruña e Vigo estarán os seguintes municipios: Abegondo, Allariz, Ames, Avión, Baiona, Barreiros, Boiro, Caldas, Cambre, Cangas, Cambados, O Carballiño, Carballo, Cariño, Carral, Catoira, Cerceda, Chantada, Coirós, Coles, Corcubión, Coristanco, Culleredo, Curtis, Fene, Ferrol, Gondomar, A Guarda, A Illa, A Lama, A Laracha, Lugo, Marín e Moaña.

Igualmente comparten nivel Mondariz, Mondoñedo, Monforte, Monterroso, Mos, Narón, Neda, Oleiros, Ourense, Outeiro de Rei, Oza-Cesuras, Padrón, Pazos de Borbén, Poio, Ponteceso, Pontevedra, O Porriño, Portas, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Sarria, Silleda, Soutomaior, Touro, Trazo, A Veiga, Verín, Vilagarcía, Viveiro, Xinzo de Limia e Zas.