Covid: As usuarias das residencias só poderán saír unha vez para celebrar o Nadal

Imaxe da DomusVi de Castro de Rei, unha das residencias máis afectadas da segunda onda. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A Consellaría de Política Social presenta un plan de actuación que implicará a realización de probas PCR ás e aos residentes antes de regresar a estas infraestruturas para evitar novos surtos de gran alcance como até o de agora. Ademais, pasarán unha corentena de sete días illados das e dos compañeiros.

O protocolo ideado pola Consellaría de Política Social para que as e os usuarios das residencias de maiores poidan saír a pasar o Nadal coas súas familias implicará que se abandone o centro unha única vez (sexa por cinco ou máis días) e que, ao regresar, as persoas se sometan a probas PCR.

Así o trasladou esta cuarta feira a Xunta, que insiste en que as e os residentes “deben permanecer nun grupo familiar estábel” mentres dure a súa estancia fóra da infraestrutura na que vivan habitualmente.

Na práctica, o departamento que dirixe Fabiola García prefire que as persoas maiores fiquen durante as festas nos centros “para evitar contaxios”. No entanto, entendendo que o propio en moitos casos é que saían coas familias só se poderá saír unha vez.

É dicir, non poderán ir a pasar Noiteboa nunha casa, regresar e volver reunirse con achegadas de novo en Ano Novo. De feito, nin tan sequera se permitirá unha ausencia de unha ou dúas xornadas.

Política Social avisa ás familias de que programen “cunha duración mínima de cinco días” e restrinxan a estancia “a un único domicilio familiar”. Non se poderá pasar parte do Nadal cuns familiares e outra parte con outros, como sucede en moitos casos.

Sen relación con outras persoas

“O grupo co que vaia estar a ou o residente debe comportarse como un núcleo de convivencia estábel, evitando interaccións con outras persoas”, din desde o Goberno galego, ao tempo que propoñen usar máscara mesmo no fogar.

Unha vez de volta aos xeriátricos, as usuarias serán sometidas a probas PCR ou test de antíxenos para comprobar se están contaxiadas do coronavirus.

Aliás, a maiores estarán confinadas nunha habitación -“preferentemente individual”- durante outros sete días, con independencia de que teñan síntomas da Covid-19 ao volver ou de que dean negativo aos exames médicos. Tan só se obviarán en doentes do virus nos últimos tres meses.