A Coruña atópase xusto no lado contrario a Compostela. Se esta última vén de recuperar o fechamento perimetral pola mala evolución dos contaxios de coronavirus, hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que a área da Coruña podería quedar sen limitacións de mobilidade nun breve espazo de tempo.
O representante da Xunta afirmou que os informes epidemiolóxicos cos que contan sitúan a zona formada por Arteixo, A Coruña, Culleredo e Cambre -hai unhas semanas saíu do grupo a localidade de Oleiros- “próxima á apertura”.
A situación vén de finais de outubro e, malia a mellora nos números de infectadas, onte non se deu ningún avance sobre a redución das prohibicións e a imposibilidade de entrar e saír do cerco sen motivos xustificados de traballo, saúde ou educación.
Esta cuarta feira García Comesaña falou do tema pero recoñecendo que a decisión definitiva aínda non se tomou por “prudencia” e pasoulle a responsabilidade ao comité clínico que asesora ao Goberno galego sobre a pandemia.
Polo tanto, os habitantes destes catro municipios e o sector da hostalaría poderían verse liberados de tantas restricións a partir desta sexta feira. Porén, o resto das áreas fechadas poderían tardar máis porque a coruñesa é a que ten unha tendencia “moi favorable”.
Compostela e Ourense
A preocupación agora céntrase no empeoramento de Compostela, que levou a volver a restrinxir entradas e saídas, e en Ourense, onde Sanidade está “vixiando” a situación porque está a empeorar. Ambas urbes foran as primeiras en ver rebaixadas as prohibicións.
Os cambios en Compostela van afectar á hostalaría, que poderá abrir até as 23 horas pero cun 40% da súa capacidade no interior e un 50% no caso de ter mobiliario exterior. Os encontros poderán ser de seis persoas, sexan ou non convivintes.
Outros municipios con modificacións
En Ribeira, Bueu e Baiona tamén se estabelecen as fronteiras para non ampliar a zona de contaxios. Neste caso, ao ter o nivel máximo de restricións, os bares e restaurantes terán só servizo de terraza e até as 17.00 horas. Como máximo poderá haber grupos de catro persoas.
Con menos dificultades para o sector hostaleiro (un 30% de ocupación nos locais e 50% fóra) pero iguais limitacións para moverse van ficar Fisterra, A Illa, Rodeiro, Carnota, Negreira, Mazaricos e Santa Comba.
Ao igual que en Ourense, a vixilancia especial afectará a Verín, O Barco, A Rúa, Cedeira e San Sadurniño. Na comarca de Bergantiños se suavizan as medidas en Carballo e Ponteceso. Tamén en Laxe, Cee, Coristanco e Barro.
A nivel xeral, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, recoñeceu que Galiza está en “tendencia estábel ascendente”, polo que hai que ser cautos.