Covid: Tan só dúas residencias seguen con máis de medio cento de usuarias afectadas

Unha sanitaria con probas PCR. (Foto: David Oller / Europa Press)

A pandemia comeza a remitir nos xeriátricos se ben nestes casos os cambios poden producirse dun momento a outro. Segundo o último parte da Xunta, quedan 610 casos positivos entre residentes e traballadoras. A pesar desta evolución, Sanidade notificou dez falecementos en toda Galiza nesta terza feira.

Fontes da Consellaría de Política Social informaron esta terza feira da suma de seis novos casos ao cómputo de positivos por coronavirus nas residencias de maiores. No entanto, tamén houbo unha retirada de 13 persoas por dar negativo nas novas probas que se lles practicaron. En consecuencia, a afección comeza a remitir un pouco.

Nos centros residenciais hai 411 doentes, máis a cifra baixou con respecto ás últimas semanas. Se ben é certo que o cambio pode ser dun momento a outro, como amosou a consecución de novas sobre focos moi grandes de forma repentina, semella que hai unha mínima estabilidade.

Só quedan activos dous grandes gromos nas residencias Asilo de Vilalba (116 usuarias e usuarios) e Vila do Conde de Gondomar (110). O resto das instalacións afectadas 24 teñen grupos de enfermas moito máis pequenos que o medio cento.

A única excepción é a da residencia de Vilaboa, onde hai 41 residentes con síntomas da Covid-19. Logo, o maior número é o da San Antonio de Beariz (27).

Na Doral de Mos hai 21 pacientes; na San Salvador de Guntín notificouse hoxe o positivo de 19 usuarias; na Domusvi Ribadumia e na Soremay de Pontevedra hai 16 e 14 infectadas, respectivamente; e en San Cibrao, en Cervo, quedan por curar 11 maiores.

Cadros de persoal

En canto ao número de empregadas e empregados con síntomas do virus, o Goberno galego fala de 199 repartidos entre máis de 40 infraestruturas. O maior número de baixas está en Vilalba (21) e Gondomar (22).

Porén, aínda son elevados os positivos entre os cadros de persoal de Vilaboa (14), Nosa Señora dos Miragres de Barbadás (18), Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume (15), DomusVi Ribadumia (14) e Doral de Mos (12).

Dez vítimas mortais

Por outra banda, respecto aos falecementos notificados hoxe, as autoridades sanitarias falan de dez vítimas da pandemia. Dúas vivían en residencias de maiores e unha terceira, un mozo de 28 anos, do centro de atención á discapacidade Doral de Mos.

Na Coruña notificáronse os óbitos dunha muller de 88 anos, e dous homes de 68 e 84 anos. En Ourense finaron unha paciente de 67 anos e outro de 97. No hospital de Ferrol non superou a Covid-19 unha doente de 86 anos e no do Salnés perdeu a vida un enfermo de 93 anos.

Foi no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) onde tiveron lugar os pasamentos dun usuario da San Salvador de Guntín de 82 anos e unha residente do Asilo de Vilalba de 74 anos.