Covid: Sanidade notifica un novo repunte nos falecementos, que hoxe chegaron a 14

Un paciente nun centro hospitalario de Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Oito dos pasamentos comunicados polas autoridades sanitarias decorreron ou tiveron relación coas residencias de maiores, novamente afectadas por esta terceira onda da pandemia. O país abeira as 1.500 persoas mortas polo virus.

A Consellaría de Sanidade vén de notificar o pasamento de 14 persoas infectadas pola Covid-19 ao longo desta xornada. Con estas vítimas, o número total de mortes provocadas polo coronavirus na Galiza alcanza as 1.499, amosando que os contaxios non están nin moito menos controlados nin a vacina ten toda a efectividade cunha soa dose. A cifra é a máis elevada desde o pasado 7 de decembro.

Segundo contabilizou o Sergas ao longo desta sexta feira, até seis persoas finaron nos propios xeriátricos, sen oportunidade de ser trasladadas a centros sanitarios. Trátase dunha muller de 89 anos da San Bartolomeu de Xove e de dous usuarios da DomusVi de Vimianzo, unha doente de 97 e un paciente de 78 anos.

Igualmente decorreu o óbito dunha muller de 93 anos que fora levada ao Centro Integrado Cegadi desde o centro residencial de Ribadeo. Aliás, na mesma instalación especial de Compostela perderon a vida dúas usuarias da DomusVi de Ribeira. En concreto, foron unha infectada que tiña 92 anos e outro que chegara aos 78.

En relación con estas infraestruturas que volven padecer o coronavirus de maneira directa tamén transcenderon os decesos de dous residentes da Paz e Ben de Tui -que, en escasos días, pasaba de non ter ningunha afectada a detectar un surto moi importante e ser intervida pola Xunta- que estaban a ser atendidos polos equipos médicos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi). Neste caso tratouse dun varón de 84 anos e unha muller de 86.

Por toda Galiza

Con independencia das usuarias dos xeriátricos, tamén faleceron polas complicacións provocadas polo virus outras seis galegas e galegos. No Hospital da Coruña, que é un dos que comezou a reprogramar cirurxías para ter espazo libre na Unidade de Coidados Intensivos (UCI), non se puido facer nada por salvar a unha muller de 77 anos e un home de 91.

No centro hospitalario comarcal de Valdeorras tivo lugar o pasamento dun paciente de 96 anos e no Chuvi tamén se avisou do óbito dun infectado de 64 anos. Ademais, en Ferrol e Compostela morreron dous varóns de 69 e 76 anos, respectivamente.

Até 49 defuncións

Entre a segunda e a sexta feira decorreron 49 defuncións, co pico máis alto hoxe (pois non había tantas vítimas nun día desde principios de decembro). Na quinta feira perderon a vida cinco persoas -unha delas procedente dunha residencia- e na cuarta foron seis os pasamentos, dous con vínculos cos xeriátricos.

Tanto na terza como na segunda feira, as autoridades sanitarias avisaron de 12 óbitos chegando a un total de 24. Deses 11 estaban vinculados aos centros residenciais, polo que as da xornada de hoxe non foron as primeiras vítimas da semana en espazos como a Domusvi Vimianzo, a Domusvi Ribeira ou a Paz e Ben de Tui.