Covid: Sanidade notifica sete falecementos na residencia Doral decorridos en novembro

Un home pasea por Vilalba cando incrementaron as restricións. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Xunta escúdase en que faltaba a confirmación de que a causa dos pasamentos fose realmente unha infección polo coronavirus. Ademais, tiveron lugar outros sete óbitos polo que o número de vítimas da pandemia xa está en 1.273.

A Consellaría de Sanidade vén de informar hai escasos momentos do pasamento de 14 persoas máis debido ás complicacións que provoca o coronavirus na saúde. A maioría das vítimas están vinculadas con residencias e destaca o feito de que se está a informar agora de sete decesos que tiveron lugar na residencia Doral de Mos na segunda quincena de novembro.

As autoridades sanitarias explican que non se comunicaron antes estas sete mortes porque aínda non se dera por válida que a causa da morte era a Covid-19, algo que finalmente viu a confirmarse.

En concreto, perderon a vida na infraestrutura de Mos nese tempo tres residentes de 92, 98 e 94 anos e catro compañeiras de 98, 91, 85 e 93 anos de idade. No entanto, non foron estes os únicos decesos acaecidos na Doral desde que se detectou un gran surto.

Nesta segunda feira

No día de hoxe, déronse outros tres óbitos en pacientes procedentes de xeriátricos. No Hospital Universitario Lucus Augusti finou un varón de 82 anos que fora trasladado desde a instalación Asilo de Vilalba, e no hospital de Pontevedra tivo lugar o pasamento dunha usuaria de 95 anos da de Vilaboa.

No centro hospitalario Domínguez de Pontevedra tampouco se puido facer nada por salvar a un doente de 90 anos que procedía da Soremay.

Á marxe dos focos nos centros residenciais, non superaron o virus un paciente de 86 anos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI); outro de 89 anos que estaba a ser atendido no hospital da Coruña; unha infectada de 92 anos no hospital de Ferrol e unha última doente no Virxe da Xunqueira de Cee.

Con estes falecementos o número de persoas finadas por coronavirus na Galiza está xa nas 1.273 desde o pasado mes de marzo.