Covid: Sanidade notifica 29 mortes decorridas desde o 22 de xaneiro

A praza do Obradoiro, case baleira. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
É a cifra máis elevada desde o 1 de abril de 2020, cando a Xunta comunicou 36 decesos acaecidos ao longo de varios días. As circunstancias epidemiolóxicas levaron a novas restricións e mesmo os albergues botaron o feche en pleno Ano Xacobeo.

As autoridades sanitarias informaron esta cuarta feira de que as vítimas da Covid-19 chegan xa a 1.688 após que se contabilizaran 29 novos pasamentos vinculados ao virus nos últimos días.

Os pasamentos notifícanse agora porque antes a Consellaría de Sanidade non tivera confirmación total de que os decesos tiveran relación coa pandemia. Así é a segunda cifra máis alta de finadas que se comunica nunha xornada.

A primeira foi o 1 de abril, cando o departamento da Xunta avisou de 36 óbitos, que tamén se correspondían con varios días. Na segunda feira desta semana igualáronse as 27 vítimas do 3 de abril, sendo o terceiro peor dato.

Neste último parte súmanse unha muller de 91 anos que finou o pasado 22 de xaneiro e que era beneficiaria da atención domiciliaria na Laracha. O día 24, tamén faleceu outra muller, de 83 anos, da residencia de maiores da Pastoriza.

O 26 de xaneiro perderon a vida tres homes no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), de 77, 66 e 61 anos, respectivamente, e outras dúas persoas no centro residencial DomusVI de Carballo (unha muller de 97 e un varón de 77 anos).

Aliás, infórmase dun doente de 74 anos, unha muller de 84 e un home de 60 que eran atendidos no Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS); un home de 60 anos no Hospital de Ourense (CHUO) e unha e un doente de 87 e 92 anos que se atopaban neste mesmo centro sanitario pero que procedían da Quercus de Leiro e da DomusVi de Bande, respectivamente.

Igualmente, non puido superar o virus unha muller de 96 anos que vivía na residencia Quercus de Leiro; tres homes de 79, 88 e 60 anos no centro sanitario de Pontevedra (CHOP); outro enfermo de 60 anos no Complexo Hospitalario de Vigo; unha muller de 85 en Povisa; un residente de 84 anos da Stella Maris de Nigrán.

Na sexta feira, pola súa banda, faleceu unha muller de 90 anos, unha de 94 e un home de 88 no Chuac, ademais doutra de 51 da Pai Menni de Betanzos. O resto dos finados foron outra muller de 90 estaba ingresada en Povisa, unha de 87 no Clínico de Compostela, unha de 90 no CHUO e un home de 76 anos no CHOP, ademais de dúas mulleres de 86 e 83 anos que se atopaban na DomusVi de Carballo.

As circunstancias actuais, con estas cifras e o incremento constante dos contaxios, levaron a múltiples restricións que entraron en vigor hoxe. Neste caso, a Xunta mesmo decretou o feche temporal dos albergues de toda Galiza a pesar de estar no Ano Xacobeo.