Covid: Sanidade informa doutra ducia de falecementos

Unha sanitaria revisa os resultados de probas PCR realizadas durante a segunda vaga. (Foto: Europa Press)
Dúas persoas finaron nas instalacións do centro residencial Ballesol de Vigo, que foi un dos últimos nos que se detectaron gromos importantes.

A Xunta, a través da Consellaría de Sanidade, informou esta noite do pasamento dunha ducia de persoas que foran diagnosticadas coa Covid-19. Esta cifra tan elevada supón un incremento no cómputo global de vítimas, que xa chega ás 1.119 desde que comezou a pandemia.

Na Galiza, un dos puntos febles da estrutura de control dos contaxios están a ser as residencias. Así o demostran os surtos masivos que xurden de cando en vez e que moitos dos óbitos teñan relación con estes centros.

Por exemplo, esta quinta feira houbo que lamentar a morte de dous pacientes que vivían na Ballesol de Vigo. Sen sequera ser trasladados da infraestrutura a un centro sanitario faleceron un varón de 83 anos e unha muller de 92.

Ademais, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) déronse catro óbitos de homes de 67, 75, 85 e 86 anos de idade.

Xa en Compostela, no CHUS, non se puido facer nada para salvar a vida de dous enfermos de 76 e 86 anos. No hospital Virxe da Xunqueira de Cee os equipos médicos informaron do pasamento doutro home, neste caso de 88 anos.

Na área sanitaria de Ferrol finou un doente de 86 anos diagnosticado de Covid-19 que estaba ingresado no centro hospitalario de referencia.

Pola súa banda, os hospitais de Pontevedra e Vigo notificaron cada un o falecemento dunha paciente, de 96 e 91 anos respectivamente.