Covid: Sanidade comunica 24 novos pasamentos decorridos ao longo desta fin de semana

Residencia Santa Teresa de Jornet, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
Na xornada de hoxe contabilizáronse un total de cinco vítimas do virus, se ben a Xunta tamén tivo confirmación de que varios 19 óbitos acaecidos entre a sexta feira e o domingo foron provocados pola pandemia.

As autoridades sanitarias veñen de notificar 24 pasamentos que tiveron lugar nos últimos días despois de que se confirmase que foran diagnosticados coa Covid-19. Con este novo dato o número de vítimas que deixou a pandemia en Galiza desde marzo de 2020 elévase a 1.536.

Esta é a terceira cifra máis alta comunicada en toda a pandemia no país. En concreto, o 1 de abril a Consellaría de Sanidade informaba de 36 decesos -tamén correspondentes a varios días despois de corroborar que se trataban de casos co coronavirus-, mentres que o día 3 de abril informou de 27 falecementos.

Cinco destes óbitos dos que se fala hoxe decorreron ao longo desta xornada. No Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) finou unha muller de 57 anos que non tiña patoloxías previas. Aliás, no Hospital da Coruña (Chuac) morreu outra doente de 92 anos e na propia residencia Santa Teresa de Jornet, no barrio de Eirís da cidade, notificouse o deceso dun usuario de 81 anos. Tamén perderon a vida un varón de 87 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) 2 unha muller de 84 no Hospital de Ferrol (CHUF).

Por outra parte, as mesmas fontes informaron dun falecemento dunha muller de 93 anos na residencia integrada Bo Día Sagunto de Vigo o día 14. Tampouco puido superar a doenza un home de 63 anos que era atendido no hospital Vithas Fátima de Vigo o pasado día 15, xornada na que morreu unha muller de 83 anos na residencia San Bartolomeu de Xove e un home de 88 anos no centro hospitalario de Ferrol. Aliás, a Xunta dá conta dun defunto de 86 anos no Chuac e dunha muller de 94 na residencia DomusVI de Vimianzo o pasado día 16.

Este domingo

Por último, engade ás estatísticas 13 mortes correspondentes ao día 17. En concreto, trátase de home de 79 anos que faleceu no CHUF, outro de 61 anos que estaba ingresado no CHUS, outro de 82 que recibía atención médica no Álvaro Cunqueiro, así como de tres mulleres de 74 anos, 87 e 91 que estaban ingresadas no CHUS, CHUAC e CHUF, respectivamente.

Igualmente houbo pasamentos nas residencias: un home de 84 anos que morreu na de Ribeira, así como doutros dous usuarios que morreron na integrada CEGADI de Compostela (un de 83 anos que procedía da de Ribeira e outro de 87 usuario da San Bartolomeu de Xove).

O día 17 tamén perderon a vida un home de 66 anos no CHUVI procedente da residencia Paz e Ben de Tui; unha muller de 91 anos na propia residencia Santa María de Verín e outra de 92 na Santa Teresa de Jornet da Coruña. Ademais, avisouse do óbito dunha usuaria de 91 anos na DomusVi de Vimianzo.