Covid: Sanidade comeza a complicar o seguemento do número de vítimas

UCI de coronavirus en Portugal. (Foto: Rita Franãa / Sopa Images via Z)
Despois de que un erro informático traspapelara varios falecementos na residencia de Vilalba durante días, agora a Xunta volve xerar confusión ao non contavilizar os pasamentos por xornadas. A aparición de casos de días e semanas pasadas nas últimas xornadas pode levar a pensar que tamén hai cifras ocultas da pandemia.

A Xunta recupera estes días a estratexia de información sobre os pasamentos causados pola Covid-19 que empregou cando o virus comezou a notarse na Galiza. No canto de seguir una comunicación estruturada na que se fala de vítimas da infección por días, agora suma parte das xornadas en curso con óbitos pasados de distintos días facendo moi difícil levar un cómputo da realidade que esconde o coronavirus na Galiza.

Se xa os datos facendo as sumas das estatísticas que se facilitaron aos medios non coinciden co global que remite a Consellaría de Sanidade nun parte diario, impedindo que se saiba se moitos dos falecementos desde o mes de marzo de 2020 estiveron vinculados a residencias de maiores ou non, o sistema que se retomou xera unha confusión maior.

Por exemplo, a pasada quinta feira a Xunta deu aviso de 30 decesos até chegar a 1.718 en todo o país. Mais non falou só dos acaecidos na propia xornada, senón que chegou a aludir a defuntos do día 18, do 19, do 24, do 26 e do 27. Todos mesturados.

O parte fornecido na sexta feira foi parecido, con 34 vítimas distribuídas en distintos días e diferentes hospitais ou centros residenciais. Para complicar o seguimento, o sábado confirmaba o falecemento dun número elevado de persoas pero todas eran confirmacións da sexta feira e, ademais, non se aportaron datos.

Xa no domingo mesmo daba un número pero invitaba aos medios a agardar o parte con información concreta ao longo desta segunda feira. Con esta desorganización, a Xunta é consciente de que fai máis difícil ter unha idea do mapa global das mortes no país. Mesmo cabe a posibilidade de que haxa mortes que non transcendan.

De feito, onte, a última hora confirmábanse outras 40 mortes, 14 delas relacionadas coas residencias.

Tendencia á opacidade

Nesa liña o denunciaron algúns colectivos no seu momento e o lembrou Nós Diario hai algunhas semanas, nun balance aproximado dos pasamentos desde marzo de 2020 feito por este diario. Nese momento, falábase da opacidade pola que apostou o Goberno galego, pois a crítica tamén foi daquela que se contaran grupos de óbitos nas residencias, sen pór nomes, nin idades nin outros datos ás falecidas.

Agora existe un exercicio maior de transparencia que nese momento puntual, mais o certo é que facilitando balances mesturados é difícil poder falar con seguridade da xornada na que perderon a vida máis persoas pola infección ou cal é o xeriátrico que máis está a notar esta terceira onda.

Non é imposíbel pensar que se están a perder datos, de forma intencionada ou non, porque xa sucedeu noutras ocasións, mesmo culpando a erros informáticos. Aliás, as irregularidades na campaña de vacinación tamén fan levantar sospeitas.

Así, Galiza supostamente fechou xaneiro con arredor de 400 finadas. É a suma após as 40 vítimas comunicadas esta segunda feira, a última hora, a respecto de varios días e que "corresponden a varias xornadas de xaneiro, polo que a cifra global podería variar no caso de que Sanidade notifique algunha nova vítima confirmada nese período en días posteriores de febreiro".