A Covid revela o valor e as carencias da axuda no fogar

Os Servizos de Axuda no Fogar atenden necesidades básicas da vida diaria das persoas máis vulnerábeis (Xunta da Galiza).
Os coidados a domicilio foron durante a pandemia o recurso de proximidade máis importante para as persoas soas e as grandes dependentes, privadas de calquera outra rede de apoio. Os Servizos de Axuda no Fogar mostráronse imprescindíbeis no marco dos servizos públicos, cando na práctica, traballadoras sociais, auxiliares e sindicatos denuncian un abandono que urxe corrixir.

Forcarei, Arteixo, O Porriño, Chantada, Ourense, Sanxenxo. A lista de concellos que nos últimos meses se viron obrigados a facer fronte á viabilidade dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) non deixou de aumentar na Galiza.

A mobilización do colectivo de traballadoras dos SAF comezou moito antes de que a pandemia da Covid-19 se asentase en todo o territorio e acabase de complicar unha prestación estabelecida pola Lei de servizos sociais do ano 1987 e para a que a Lei de dependencia do ano 2006 habilitou unha nova vía de acceso, outorgándolles prioridade ás persoas cun grao de dependencia declarado que decidan solicitar este recurso fronte ás non dependentes, que deben solicitalo pola vía da libre concorrencia.

Trátase dun servizo fundamental para as persoas en situación de especial vulnerabilidade, sen apoio nin redes familiares ou comunitarias, cuxa atención se resentiu moito durante o estado de alarma e o confinamento.

Comezamos o confinamento sen nada, cunha máscara de protección para toda a semana, con catro domicilios ao día.

"No momento en que se declarou o fechamento dos centros de día o que se fixo foi usar o SAF como único recurso de proximidade para cubrir as necesidades da xente soa", explica Ana Vilar, vogal da Xunta de Goberno do Colexio de Traballo Social da Galiza, quen recoñece a preocupación inicial de dar "unha cobertura mínima, de calidade, que non se podía ofrecer a través de ningún outro mecanismo", nun momento en que a presión do coronavirus era moi elevada.

Sen material de protección

"As auxiliares dos Servizos de Axuda no Fogar tiveron que seguir traballando sen máis sistemas de protección que os que xa viñan empregando", salienta Transi Fernández, secretaria nacional de CIG-Servizos. "Sen máscaras suficientes, sen luvas, sen batas de protección dun só uso saltando dun domicilio a outro, con medo a empeorar a saúde propia e aínda máis a das persoas dependentes que visitaban a diario".

O abastecemento do material de protección non se normalizou até ben entrado o mes de maio na maioría das empresas privadas concesionarias da axuda a domicilio que, malia todo, destaca Vilar, nunca deixou de ser un servizo público. "É ás Administracións, galega e locais, a quen lles corresponde o investimento e a supervisión real e efectiva da xestión do servizo".

Con todo, a falta de capacidade do público e do comunitario, para atender a demanda existente deposita no sector privado boa parte dos servizos. Un dos últimos concellos en privatizar o seu foi o de Chantada, despois dun ano de mobilizacións do colectivo de traballadoras. O grupo Clece asume este mes a organización do servizo, para o que contará coas 28 traballadoras que antes atendían as usuarias do municipio como persoal público. Gema Janeiro é unha delas. Leva 11 anos como auxiliar de axuda a domicilio.

Non queremos levar o virus a ningunha casa, mais tampouco expoñernos nós a collelo.

"A carga asistencial que asumimos é cada día máis grande. Tamén a emocional. Foino, sobre todo, no inicio da pandemia. Comezamos o confinamento sen nada, cunha máscara de protección para toda a semana, con catro domicilios ao día. Se non se contaxiou ninguén creo que foi por sorte ou porque simplemente o virus non circulaba", asevera. "Desde o Concello nunca se puxeron en contacto con nós, e todo o que conseguimos foi a base de denuncias ante Inspección de Traballo". 

Acabaron dispondo de máscaras, luvas, xel e batas de un só uso para cada domicilio. "Houbo usuarias que se deron de baixa, e algunhas que aínda hoxe non se deron de alta por medo a que as poidamos contaxiar, un medo que tamén é noso, que non queremos levar o virus a ningunha casa, mais tampouco expoñernos nós a collelo".

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da sexta feira, día 2, nos quiosques ou na nube]