Tras coñeceren a intención do Concello, o persoal do SAF de Chantada iniciou unha folga indefinida o pasado 28 de outubro que «non é tal», afirma o responsábel da CIG en Monforte. Segundo Xosé Manoel Silva, «impuxéronlles uns servizos mínimos de 96%» que impiden o paro efectivo das empregadas de atención a domicilio e «vulnera o seu dereito a folga». Desde esta semana, apuntan as afectadas, «os servizos mínimos xa son de 100%».
«Por iso nos mobilizamos cada semana», explica Begoña Lagos, traballadora e membro do comité de empresa do Concello; «para facer visíbeis as nosas reivindicacións e defender un servizo público capaz de mellorar a calidade asistencial».
Na actualidade, 29 traballadoras atenden 150 usuarias que «teñen medo porque non saben que vai pasar", di Lagos. «O Concello insiste en que en aninovo estaremos todas subrogadas e traballando pero ninguén nos recibe nin se senta a negociar».
Para a GIG, o anuncio do Concello «foi unha sorpresa» xa que se produciu ao mesmo tempo que negociaban a Relación de Postos de Traballo na que figuraban os 29 actuais que atenden o servizo. «O Concello xustifica a privatización do SAF porque di que é difícil de xestionar, e claro que o é, pero para iso están os recursos das administracións».
Os concellos reclaman fondos e menos burocracia
Neste sentido, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) levou á comisión non permanente sobre políticas de discapacidade do Parlamento as demandas dos concellos nesta materia. Alfredo García, presidente da Fegamp, asegurou que se trata dun servizo esencial na Galiza xa que «unha de cada tres persoas dependentes opta pola prestación de axuda a domicilio».
Segundo expuxo, os concellos pagan entre 14 e 16 euros por hora de atención no fogar, mentres que a Xunta «abona 9,7 euros». Pídelle á Administración que eleve o pagamento e que teña en conta a dispersión da poboación á hora de repartir os fondos ademais de axilizar os procesos de acreditación de discapacidade e dependencia.
García tamén se referiu ao esforzo dos concellos e das familias á hora de atender «moitas persoas sen unha valoración de dependencia pero con necesidades especiais» e criticou a redución das horas de máxima asistencia para grandes dependentes.