Covid-19: repuntan os casos activos a 9.417

Soben os internamentos na UCI, mais caen levemente en unidades convencionais. Aliás, nos concellos do Salnés en nivel alto permitirase ampliar as terrazas da hostalaría.

Segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos recadados até as 18 horas da sexta feira, na Galiza repuntan os casos activos da Covid-19 a 9.417 (1.098 máis que na xornada anterior), unha cifra que non se alcanzaba desde o pasado mes de febreiro.

A área sanitaria de Vigo concentra o maior número de infeccións activas, con 2.130, seguida de Ourense-Verín-O Barco, con 1.778; Pontevedra-O Salnés, con 1.709; A Coruña-Cee, con 1.517; Compostela-O Barbanza, con 1.137; Lugo-A Mariña-Monforte, con 797, e Ferrol, á cola con 349.

Caen levemente os novos contaxios detectados en 24 horas, un total de 1.338 (-4), mais a taxa de positividade das Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) continúa en valores elevados, cun dato de 9,7%, por riba do limiar de 5% recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a transmisión vírica.

No tocante á presión hospitalaria, baixan levemente os internamentos en unidades convencionais a 79 (-3), mais repuntan na UCI a 20 (+6).

Aliás, desde o inicio da pandemia faleceron no país 2.442 persoas, após notificar na sexta feira Sanidade unha nova vítima mortal, un home de 73 anos en Ourense que presentaba patoloxías previas.

Ampliación de terrazas nos concellos do Salnés en nivel alto

Os concellos do Salnés que actualmente están no nivel alto de restricións —Cambados, A Illa de Arousa, Vilagarcía e Vilanova—, o que implica que a hostalaría só pode abrir a 50% de capacidade nas terrazas, permitirán a estes estabelecementos de forma temporal, co visto bo de Sanidade, ocupar máis espazo da vía pública do que figura nas súas licenzas. Así, poderán dispor máis mesas e alcanzar 100% dos asentos sen vulnerar a normativa publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG).

Esta medida foi abordada na xuntanza que mantiveron os alcaldes da zona co conselleiro, Julio García Comesaña, após a reunión do subcomité clínico da sexta feira. Pola súa banda, Sanxenxo, que presenta valores de incidencia acumulada superiores, fica no nivel medio, polo que a hostalaría poderá abrir a 30% no interior e permitirase a actividade do lecer nocturno.