Covid: O novo marco normativo para a hostalaría atrásase pero podería chegar coa apertura das barras

Clientes nunha terraza de Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
A Xunta adía a achega do seu protocolo sanitario para o sector, do que hai uns días avanzaba que as restricións irán por negocio e non por concello como até agora. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegura que traballa en comunicación coas hostaleiras para acadar un documento consensuado.

O seu traslado definitivo ao sector estaba previsto para esta semana pero, polo momento, o novo protocolo sanitario da Xunta para a hostalaría no contexto da pandemia terá que esperar. As primeiras estimacións falan dunha semana, se ben algunhas fontes afirman que posibelmente cando sexa público terá aceptada a proposta de parte das e dos empresarios para reactivar o uso das barras en bares e restaurantes.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou esta cuarta feira que polo de agora a obriga de dispoñer do certificado Covid para acceder aos estabelecementos quedará excluída "a non ser que haxa novidades no recurso xudicial" que o Goberno Galego presentou en contra do ditame do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

García Comesaña aclarou que o Comité Clínico non abordou a aprobación da nova normativa como estaba previsto, polo que as supostas conversas co sector van seguir abertas.

"Están a ser moi frutíferas. Seguimos avanzando con prudencia para chegar a un documento de consenso. Estamos nunha pandemia e na hostalaría hai que traballar cun escenario que necesita de novas regras, que non dependa tanto da situación epidemiolóxica e si da seguridade dos locais", incidiu o representante da Xunta, aludindo aos avances da semana pasada.

Nese momento, responsábeis do Executivo galego indicaban que as restricións estarán rexidas polo grao de medidas de seguridade de cada local e non pola situación epidemiolóxica dun ou outro municipio.

Aprender a convivir

Pola súa banda, o doutor Enrique Míguez, da Unidade de Infecciosos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) e membro do Comité Clínico explicou que o protocolo é "unha vía que hai que seguir explorando", xa que hai que "aprender a convivir co virus".

"Este documento é pioneiro e busca a excelencia e mellora, así como a diminución da transmisión nun lugar onde forzosamente hai que sacarse a máscara", indicou Míguez, que subliñou que o protocolo "permitirá levar unha vida máis ou menos normal".

Preguntado polo mesmo asunto, o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, xustificou o atraso porque hai intención de conseguir un "marco normativo estábel" para que as medidas e as súas características e explicacións queden ben atadas. De feito, recoñeceu que quedan "algúns flocos por matizar".

Por exemplo, un dos aspectos máis demandados polo sector e que, como avanzou o titular de Sanidade, contemplará o documento, será o uso das barras nos interiores dos locais. Comesaña lembrou ademais que se terán que axustar as capacidades e adoptar outra serie de decisións, polo que, aínda que se peche o protocolo a semana que vén, "logo haberá un tempo de incorporación das medidas".

Ao respecto tamén se manifestou o presidente da Clúster de Turismo da Galiza, Cesáreo Pardal, que garantiu que se manterán as negociacións coa administración para buscar un sistema que se afaste do actual, con niveis de restrición segundo a incidencia do virus por cada municipio, e que relaxe algunhas "medidas drásticas", permitindo máis capacidade, a apertura das barras con distancia entre clientes...