xoves 16/09/21

A hostalaría reclama ao TSXG a nulidade das novas restricións pola Covid-19

A Asociación Provincial de Empresarios da Hostalaría da Coruña, liderada por Héctor Cañete, iniciou o procedemento de recurso por esta decisión. Ademais, o presidente da Confederación de Empresarios da Hostalaría da Galiza, Cheché Real, cualifica as limitacións de "desastrosas" para o sector. Estas medidas estabelécense despois de que o alto tribunal do país non autorizase que teña validez a solicitude do certificado Covid.

Varias consumidoras nas terrazas da Marina, na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press) #terrazas #hostalaría #coruña #coronavirus #covid19 #restricións #pandemia #xunta #sanidade
Varias consumidoras nas terrazas da Marina, na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Após transcender a decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de non permitir que a presentación do certificado Covid en bares e restaurantes rebaixe as medidas restritivas, a Asociación de Hostalaría da Coruña recorreu o fallo.

O presidente desta entidade, Héctor Cañete, afirmou que o paso dado desde A Coruña conta co apoio das demais federacións galegas, pois van xuntas na súa demanda de “nulidade de toda a orde” da Xunta.

Cañete concretou que piden ao alto tribunal do país que a orde do Goberno galego, que reduce o número de persoas no interior e no exterior en relación ao existente co certificado Covid, sexa declarada nula. "Por ser  extemporáneo", resume Cañete, para quen "unhas medidas tan restritivas non se corresponden ao momento da curva que hai” na Galiza.

No caso de conseguir a súa demanda, o que quere o sector é abrir ao 100% as terrazas para aproveitar o final do verán. De feito, considera que non é “lóxico” que as tesoiras afecten á capacidade de atender clientela toda vez que hai novas pautas para o uso da máscara.

No texto tamén falan de cuestións como o uso das barras dos locais. Ao respecto das últimas prohibicións Cañete entende que era mellor a solicitude do certificado. “O 89,2% dos asociados apoian esta medida” ao considerar que as novas restricións fan case imposíbel a actividade no sector.

Mellor do que se pensaba

O presidente da Confederación de Empresarios da Hostalaría da Galiza, Cheché Real, cualificou de "desastrosas" esas novas restricións.

Real apuntou que "poden ser desastrosas pola época do ano en que nos atopamos". Tamén manifestou que cos certificados ou pasaportes Covid, que invalidou o TSXG, funcionábase "ben, como ningún imaxinabámonos ao principio cando falamos coa Xunta para que non se fechará pola subida continuada de contaxios, a mediados de xuño".

comentarios