Covid: O maior número de positivos nos centros educativos segue a estar en Vigo

Un grupo de escolares debuxan nunha aula. (Foto: Europa Press)

Porén, segundo os datos facilitados hoxe por fontes da Xunta da Galiza, o colexio cunha peor evolución é o CEIP Fogar de Carballo, onde xa hai 39 casos activos.

Ao igual que as residencias de maiores, os centros de ensino da comunidade son un dos puntos nos que están postas as miradas das e dos especialistas para seguir a evolución da pandemia. Día tras día a Xunta envía un parte de afeccións e os número seguen sendo elevados. Cun global de 1.235 casos activos, a área peor parada en canto a persoas infectadas neste ámbito é a viguesa.

Na demarcación educativa de Vigo hai, na actualidade, 342 persoas enfermas (sen contar á xente en corentena por contactos coas doentes) entre alumnado, cadro docente e o resto de persoal destas infraestruturas.

A situación implicou o feche de 53 aulas, se ben polo de agora non hai ningún colexio nin gardaría fechado. O peor gromo é o detectado no CPR Plurilingüe El Castro, con 13 positivos.

No entanto, a día de hoxe, este non é o maior surto detectado no ensino. Ese atópase no Centro de Educación Infantil e Primaria Fogar, situado no municipio de Carballo, onde se informa dun total de 39 individuos afectados polo coronavirus.

De feito, a segunda área educativa con peores estatísticas é a da Coruña. Fican fechados 19 espazos porque a doenza afecta a 270 crianzas, profesoras e o resto de persoal. As outras cinco áreas están en mellor situación e non hai ningún fechamento, pero as cifras seguen a ser elevadas.

A terceira zona máis prexudicada é Lugo con 186 enfermas e enfermos, malia que só supuxo a clausura temporal de sete clases. En Compostela, 112 casos implicaron deixar de usar 9 instalacións.

En Pontevedra, con 154 casos activos, hai catro aulas en desuso, mentres que en Ourense (95 positivos) e Ferrol (76) foi preciso fechar dúas aulas, respectivamente.