Covid: Os ingresos hospitalarios caen por debaixo do centenar

Sistema de control de emisións para reducir o risco de contaxios na barra dun bar da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O número total de vítimas da pandemia na Galiza sitúase en 2.618 despois de que as autoridades sanitarias comunicaran catro novas mortes nas últimas horas.

O balance da Consellaría de Sanidade deste domingo volve ser optimista no que a novos contaxios da Covid-19 se refire, dado que estes caeron e situáronse novamente por debaixo do centenar ao estabelecer unha comparación entre os casos notificados como activos e aquelas persoas que xa superaron a enfermidade. Ademais, caen os ingresos por debaixo do centenar.

Nas últimas 24 horas -os rexistros abranguen até as 18 horas deste sábado- houbo 264 persoas máis que pasaron (altas) quedando 75 confirmados por todo tipo de probas.

Aliás, a presión hospitalaria volve experimentar un descenso posto que das 107 doentes ingresadas das que se daba conta este sábado pasouse a 97. A rede hospitalaria galega acolle nas súas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) 26 persoas (dúas menos), mentres que os ingresos noutras unidades caen en 8 cidadás, até ficar en 71.

Respecto das áreas sanitarias, a presión non aumenta en ningunha e cinco tiveron descensos.  Na Coruña e Cee hai 26 persoas atendidas nos hospitais polo coronavirus -sete na UCI (-3) e 19 noutras plantas- e en Lugo-A Mariña-Monforte continúan en críticos catro pacientes, mentres que noutras áreas hai 17 ingresadas (-1).

Tamén se reducen os números na demarcación sanitaria de Ourense, con 14 doentes, catro dos cales están nas UCI. Na zona de Compostela e Barbanza hai unha ducia de veciñas e veciños nos centros hospitalarios, dos que 10 están en unidades convencionais (-3).

No caso de Pontevedra, os equipos sanitarios atenden a sete persoas (unha menos que este sábado), mais unha continúa na área de críticos. Non hai cambios nas áreas de Vigo e Ferrol, onde hai 14 e 3 pacientes hospitalizados, respectivamente.

Casos activos

No que se refire aos casos activos, estes quedan en 2.194 sendo a área da Coruña e Cee a que máis positivos ten, ao informarse de 575 (-58). Na de Compostela e Barbanza rexístranse 344 (-31) e na de Lugo 433 (-37).

As infeccións novas baixan a 386 en Vigo (-17), 246 en Ourense (-25), 148 en Pontevedra (-12) e 62 en Ferrol (-13).

Desde que a pandemia se deixou notar na Galiza detectáronse 181.719 infeccións. De estas, 2.965 na área da Coruña; 37.502 na de Vigo; 26.866 na de Compostela; 21.598 na de Ourense; 21.365 na de Pontevedra; 19.815 na de Lugo; e 11.608 na de Ferrol.

O número de vítimas ascende a 2.618, despois de que as autoridades sanitarias comunicaran na noite deste sábado catro novos pasamentos.