Covid na Galiza: Baixan os casos, repuntan as hospitalizacións

Realización dunha proba PCR (Foto: Joaquin Corchero / Europa Press).
Na Galiza hai neste intre 42.211 infeccións activas de Covid, 4.000 menos que as rexistradas o sábado,  ao tempo que nove persoas máis foron ingresadas nos centros hospitalarios.

Xornada de descenso de casos activos e contaxios diarios de Covid-19, indica o reporte deste domingo da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade. Non obstante, tamén revela unha repunta da presión hospitalaria.

Na Galiza hai neste intre 42.211 infeccións activas, case 4.000 menos que as rexistradas o sábado. En referencia aos contaxios, informouse de 2.144, 735 menos que na xornada precedente.

Os datos recollidos entre as 18 horas da sexta feira e a mesma hora do domingo por Sanidade indican que 641 persoas están ingresadas nos hospitais galegos, nove máis que 24 horas antes. 45 pacientes en Unidades de Coidados Intensivos e 596 en unidades de hospitalización.

Isto provocou un suba da presión asistencial en catro das sete áreas sanitarias, as de Vigo, Lugo, Ourense e Ferrol.

Outro dos valores que diminuíu é a taxa de positividade, actualmente do 13,82% das 5.645 probas PCR efectuadas ao longo da xornada. Malia a redución, a cifra continúa moi afastada do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde para considerar controlada a pandemia de SARS-CoV-2.

No que atinxe á incidencia acumulada do virus, os datos da sexta feira do Ministerio de Sanidade na súa última actualización sitúan a Galiza cunha incidencia a 14 días de 2.091,41 por cada 100.000 habitantes, máis de 600 puntos por riba da media estatal.

Ademais, cos oito falecementos confirmados o domingo por Sanidade, o número de óbitos con Covid na Galiza ascende a 3.035.

Infeccións por área sanitaria

A redución de casos activos e contaxios sentiuse en todas as áreas sanitarias, á de Vigo segue á cabeza do pais mais volve baixar dos 10.000 casos activos, con 9.706 (-1.179).

Na área de Ourense contan con 4.232 casos activos (-391); na da Coruña con 9.121 (-754); na de Pontevedra con 4.630 (-304); na de Ferrol con 2.085 (-130); na de Compostela con 7.664 (-683), e na de Lugo con 4.415 (-405).