Covid: Galiza abeira as 1.600 vítimas após unha xornada con 15 falecementos

Galiza rexistrou seis novos falecementos en residencias, dous da rede de DomusVi. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A de hoxe volveu ser unha xornada negra nunha semana na que finaron 83 persoas polas complicacións no seu estado de saúde derivadas do coronavirus. Nesta sexta feira notificáronse os decesos de seis persoas vinculadas coas residencias de maiores.

A que remata foi unha semana marcada polo incremento incesante dos contaxios do coronavirus e tamén por xornadas con moitas falecidas por toda Galiza, a maioría delas persoas maiores e moitas vinculadas as residencias, das que xa hai dúas que tiveron que ser intervidas pola Xunta dado o gran tamaño dos focos de contaxio. A Consellaría de Política Social informou hoxe de 15 mortes pola pandemia.

Con este número, detrás do que hai moitos nomes e familias que quedaron sen despedirse, o global das vítimas desde marzo de 2020 abeira as 1.600. En concreto, despois dos 15 pasamentos sumados hoxe xa hai 1.599 mortes relacionadas coa Covid-19.

Fontes do departamento do Goberno galego explicaron hoxe que decorreu o óbito dun home de 46 anos que non tiña patoloxías previas que o fixeran máis débil ante a infección. O resto das galegas que perderon á vida ao longo da xornada si padecían enfermidades previas.

En concreto, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña finaron, ademais do varón de 46 anos, outro de 69 e unha muller de 86 anos. Ademais, no Hospital de Ferrol non se puido facer nada por salvar a dúas doentes de 76 e 87 anos. No Clínico de Compostela rexistrouse o pasamento doutro varón de 65 anos.

Xa no centro hospitalario de referencia en Ourense notificouse que non superou a enfermidade un home de 84 anos e no hospital pontevedrés (CHOP) faleceu un varón máis, neste caso de 74 anos. En Vigo sumouse outro de 64 anos.

Nos centros de maiores

As residencias de maiores non foron lugares alleos a estas malas novas esta sexta feira. Á marxe de que a Xunta tivo que intervir a Quercus de Leiro, no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) morreron un usuario de 95 da Paz e Ben de Tui e unha residente das Anxélicas de Vigo que tiña 90 anos.

Nos propios xeriátricos comunicaron os decesos dun paciente de 82 anos na Santa Teresa de Jornet; un de 87 que vivía na DomusVi de Vimianzo; unha enferma de 91 da San José de Arzúa e unha última de 82 da DomusVi de Ribeira.

Con estes 15 pasamentos, entre o sábado e esta sexta feira o virus cobrouse 83 vítimas entre a poboación galega, un dato que resulta preocupante.