Covid: Galiza abeira as 1.200 vítimas

Un traballador sanitario protexido contra a Covid-19. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Fontes da Consellaría de Sanidade notificaron esta noite o pasamento dunha ducia de persoas, unha cuarta parte delas na comarca de Ferrolterra. Dúas das finadas vivían no centro residencial Ballesol de Vigo.

As vítimas da Covid-19 no país xa son 1.191 despois de que na xornada de hoxe se produciran 12 falecementos en distintos centros hospitalarios así como na residencia Ballesol de Vigo.

Segundo informaron fontes da Consellaría de Sanidade, no hospital de Ferrol sucedéronse catro óbitos de varóns de 82, 81, 72 e 86 anos de idade.

Pola súa banda, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) comunicouse o pasamento doutros dous doentes, neste caso de 93 e 87 anos.

Tamén morreron, neste caso no complexo hospitalario vigués (Chuvi) dúas persoas que permanecían ingresadas baixo os coidados dos equipos médicos. En concreto, as vítimas foron un home de 79 anos e unha muller de 93.

Xa en Pontevedra, igualmente sendo atendida no centro hospitalario, perdeu a vida unha enferma de 72 anos. Un varón de 92 que fora trasladado ao Virxe da Xunqueira, situado no municipio de Cee, tampouco superou o virus.

Así mesmo, tívose coñecemento dous decesos de usuarias do xeriátrico Ballesol de Vigo, que sufriu un dos últimos grandes gromos detectados. As mulleres, de 103 e 87 anos, non chegaron a ser levadas a centros hospitalarios.

Con esta ducia de mortes ao longo desta sexta feira Galiza abeira as 1.200 vítimas desde que comezou a pandemia. Moitas delas eran usuarias dos centros residenciais, sobre os que a Xunta se comprometeu a incrementar o control. O de hoxe é un dos números máis elevados desta semana.