Covid: Feixoo advirte de que as doentes irán "dun hospital a outro en función da necesidade"

Feixoo no Consello da Xunta. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza)
Ve “capacidade de resistir” pero recoñece estar preocupado polas UCI. O presidente da Xunta fixo as declaracións, após o Consello da Xunta, nun día no que foi preciso derivar a outras tres infectadas do virus desde o Hospital de Ferrol ao Lucus Augusti para reducir a presión da infraestrutura ferrolá.

O líder do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, afirmou hoxe, despois de presidir o Consello da Xunta, que existe unha “preocupación máxima” pola presión asistencial que están a padecer as Unidades de Coidados Intensivos (UCI) dado o ingreso continuado de infectadas da Covid-19.

Porén, defendeu que a rede de hospitais do Sergas aínda ten “capacidade de resistir” sen ter que pór en marcha hospitais de campaña na Galiza.

O presidente aclarou que as zonas que máis preocupan son as de Ourense, A Coruña e Compostela, seguidas de Ferrol e Pontevedra. En Vigo e Lugo a situación actual vai ligada a unhas demarcacións en “risco medio alto, pero non alto coma o resto”.

Preguntado polos medios sobre a estratexia da Xunta, Feixoo avisou de que non quere “improvisar” e defendeu que en Galiza “non” hai “20 hospitais” senón “un hospital que está a disposición de todos” e todas.

“E ese hospital é o conxunto das camas da UCI e de planta do Sergas”, comentou, aludindo a que as e os pacientes poderán “ir dun a outro en función da necesidade”.

Traslados de Ferrol a Lugo

“Durante a pandemia aprendemos unha cousa, que do mesmo xeito que hai unha única Xunta e un único Sergas, hai un único hospital, que son o conxunto de camas que teñen todos os hospitais do Sergas”, engadiu.

De feito, esta mesma quinta feira comunicábase que tres doentes con coronavirus foron levadas desde o Hospital de Ferrol (CHUF) ao de Lugo (HULA). Fontes da Consellaría de Sanidade explicaron que “os traslados interhospitalarios da rede do Sergas estaban previstos no Plan de Continxencia como unha medida máis para poder dar resposta á situación cambiante que xera esta enfermidade”.

As tres persoas, que están en planta, foron levadas polos “criterios clínicos e organizativos”. “A decisión de que vaian a un sitio ou a outro” acórdase entre as profesionais en función da presión que estea a padecer cada área.

Semanas preocupantes con menor contaxio

A nivel xeral, Feixoo asume que a realidade do país “non é fácil” neste momento porque o Servizo Galego de Saúde está “afeito a moita menos presión pola Covid”. Non hai que esquecer que na primeira onda da pandemia na Galiza non houbo os mesmos niveis de afección que noutros territorios do Estado.

“Hai lugares onde as UCI están ocupadas ao 58% ou ao 46%, nós estamos na metade, aínda temos capacidade para resistir”, defendeu.

En calquera caso, se non se resolve coa mobilidade das e dos infectados, na cuarta fase faríase o “despregamento de unidades de campaña”.

“Non prevemos unha diminución das ocupacións en UCI, se prevemos unha lixeirísima diminución da positividade, é dicir, de novos contaxios”, alertou de cara ás próximas semanas.