A Covid dispara a demanda e esgota unha vacina da gripe

Unha enfermeira inxecta a vacina da gripe a un paciente  no inicio da campaña (Iñaki Berasaluce / Europa Press).
A campaña da gripe comezou na Galiza no marco dun chamamento xeneralizado a reforzar a vacinación tanto dos grupos de risco como do resto da poboación nun contexto de pandemia. O obxectivo, reducir as dúbidas fronte a Covid-19, protexer as persoas máis vulnerábeis de posíbeis complicacións e evitar a sobrecarga asistencial. A demanda superou as previsións das autoridades sanitarias e nalgúns puntos xa escasean as primeiras doses da inxección, as dirixidas aos grupos diana de menos de 65 anos. 

O pasado 13 de outubro comezou na Galiza a campaña de vacinación contra a gripe, unha iniciativa que se repite cada ano co ánimo de chegar especialmente aos grupos diana fixados pola Consellaría de Sanidade. Mais nesta ocasión, nun contexto de pandemia, o chamamento foi máis enérxico e dirixiuse ao conxunto de poboación.

A resposta da cidadanía non tardou en producirse. Moito antes de que os centros de saúde tivesen dispoñíbeis as súas axendas para comezar a programar as primeiras vacinacións, os teléfonos dos ambulatorios non deixaban de soar. As persoas asiduas da campaña e outras moitas que pensaban pór a inxección por primeira vez querían reservar xa a súa cita.

A campaña da gripe acelérase: máis poboación vacinada en menos tempo.

A campaña foi un éxito nos primeiros días. "A resposta da cidadanía foi moi positiva, con coberturas moi superiores ás logradas os mesmos días da  campaña anterior", asegura a Nós Diario José Antonio Taboada, xefe do Servizo de Control de Enfermidades Transmisíbeis do Sergas. "En persoas de 65 anos ou máis temos rexistradas perto de 31% de vacinacións. Hai un ano, a estas alturas, anotábanse 6,21 puntos menos. E obsérvase con máis contundencia entre o persoal sanitario. A día 26 de outubro xa levamos 5.520 profesionais máis vacinados que en toda a campaña do ano pasado".

Estas cifras, apunta Taboada, reflicten a importancia da vacinación, unha necesidade que por primeira vez calla en todos os grupos diana, tamén entre as embarazadas -500 máis que o ano pasado- e outros colectivos de risco. "Os datos son bos. E o que pretendemos é prolongalos até o remate da campaña", a finais de ano, asevera.

Faltan vacinas

Porén, despois de dúas semanas de vacinacións, centros de saúde de diferentes puntos do territorio denuncian o desabastecemento dun tipo concreto de vacina, a que se lles administra aos grupos de risco de menos de 65 anos.

"É habitual que nun momento da campaña se produza unha rotura de stock", asegura Álvaro Carrera, voceiro da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria. "Mais desta volta chegou moi axiña". Primeiro, porque a demanda é moi alta. "A xente respondeu ao fomento da vacinación que impulsaron as autoridades neste contexto de pandemia" no que se busca mellorar o control da gripe fronte á Covid-19. "Mais tamén porque a cobertura da gripe que se está dando non se axusta cen por cento ás instrucións fixadas tanto polo Ministerio de Sanidade como a propia Consellaría", remarca Carrera.

A demanda de vacina por parte de persoas sas limitou o volume de doses dispoñíbeis para as persoas de risco que deben recibila de forma prioritaria.

Neste sentido, argumenta, o chamamento a protexerse fronte á gripe, dirixido fundamentalmente aos grupos de risco -maiores de 65, embarazadas, enfermos crónicos, inmudeprimidos-, estendeuse ao resto da poboación. "O colectivo de pediatras convidou a unha vacinación masiva das crianzas. E ese mesmo patrón repetiuse con persoas sas, para as que a vacina, en principio non está indicada", lembra Álvaro Carrera.

Vacinas para as persoas sas

Desde a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria recoñecen que este ano moitas persoas menores de 65 anos animáronse por primeira vez a solicitar a vacina "para completar a inmunidade de grupo". Segundo Jesús Sueiro, médico no centro de saúde Concepción Areal, un dos primeiros en acusar a carencia de vacinas e ter que adiar as citas das persoas afectadas, esta demanda asistida limitou o volume de doses dispoñíbeis para as persoas de risco que deben ser vacinadas de forma prioritaria, "pacientes transplantados, con cardiopatías, cunha enfermidade renal ou cunha inmunodeficiencia, que agora chegan á súa cita e non podemos vacinar".

Até o momento, non houbo rotura de subministración nos almacéns centrais da Consellaría de Sanidade.

As asociacións profesionais de medicina e enfermaría comunitaria sinalan a "falta de previsión" dos responsábeis de Sanidade que despois de animar a unha vacinación masiva contra a gripe non souberon dispor das doses suficientes para atender a demanda tan alta que se deu e que era de esperar, á vista da preocupación xeneralizada ante a evolución da Covid.

Un problema de loxística

Perante as acusacións dos profesionais da Atención Primaria, José Antonio Taboada defende que, "até o momento, non houbo rotura de subministración nos almacéns centrais da Consellaría de Sanidade. É máis, das vacinas que se lles administran ás persoas de 65 anos ou máis, acaídas ao seu sistema inmunitario, aínda temos 79.565 doses e das que se empregan en persoas menores de 65 anos, temos acumuladas 26.791 doses". Porén, recoñece problemas de abastecemento nalgúns centros debido a "múltiples factores, pero fundamentalmente de loxística". 

Haberá vacinas dispoñíbeis para as persoas que non son parte de grupos diana, pero deben esperar a atender a demanda prioritaria dos grupos de risco.

"Estamos ante unha campaña que implica todo o sistema sanitario, público e privado, con máis de 900 puntos de vacinación. E os criterios de distribución están suxeitos a moitos pequenos fallos que poden conducir a que nun punto concreto se esgoten as vacinas", di Taboada.

Esta situación, engade, pode  verse agravada polo feito de que as estimacións de vacinas están suxeitas "á experiencia de anos anteriores" e porque este ano está acudindo máis xente a vacinarse, "mesmo persoas que non son parte de grupos diana e para as que previsibelmente haberá doses dispoñíbeis, xa que se pediron 200.000 máis que a última campaña", mantén José Antonio Taboada. Con todo, desde a Consellaría fan un chamamento á espera porque, primeiro, "hai que garantir a vacinación dos grupos de risco identificados".

Así, a mensaxe para o groso da poboación sa menor de 65 anos é que terá tempo de sobra para inmunizarse contra a gripe antes do 31 de decembro, de forma que para cando chegue o pico, a mediados ou finais de xaneiro se ten o mesmo comportamento que outros anos, o conxunto da poboación xa contará cunha protección importante, "que empeza a adquirirse ao cabo de sete días e a facerse máis alta a partir dos 15".

Ante esta nova recomendación, os centros de saúde apuran a reorganizar as súas axendas á espera dunha subministración que o Sergas confirma nos próximos días "en función das necesidades de cada un. "Nos primeiros días estiveron previstas tres entregas á semana. A partir de agora serán dúas, as terzas e sextas feiras", reafirma Taboada.

Máis saturación

Este desaxuste entre a demanda e a oferta dispoñíbel, sumado ás restricións que pesan sobre a presencialidade nos centros de saúde, aumentou a presión sobre a Atención Primaria. Desde a Asociación en Defensa da Sanidade Pública, José María Dios Diz denuncia numerosas molestias para as persoas e para o sistema asistencial que o Sergas tamén recoñece. 

Moitas solucións para a reforma da Atención Primaria non esixen cartos senón organización e coordinación.

"Xa estabamos saturadas como consecuencia da vacinación, agora tamén o estamos como consecuencia de ter que chamar a xente para dicir que non hai doses para as persoas menores de 65, a costa dun enfado xeral por parte das persoas que deben facer fronte a 1.500 chamadas diarias. Aquí en Outes somos seis médicos e outras tantas enfermeiras, con só tres PSX -Persoal de Servizos Xerais-", afirma José María Dios, quen bota en falta solucións efectivas para reformar a Atención Primaria, como as que figuran nas conclusións do seu Consello Técnico. E moitas non esixen cartos senón organización e coordinación", que non hai, incide. 

Desde a CIG-Saúde súmanse ás criticas dos profesionais e cuestionan "a falta de previsión do Sergas". "Lanzaron unha campaña que pedía modificar o protocolo de vacinación previo á Covid-19, mais non o fixeron, e agora é o persoal quen debe dar a cara ante a falta de doses suficientes nos centros", sinala María Xosé Abuín. "Urxe reorganizar os servizos administrativos, pór máis persoal e liñas telefónicas", conclúe.