Covid: Detectan novos focos con 34 e 19 contaxiadas nas residencias de maiores de Tui e Ribeira

Unha ambulancia xunto a un centro residencial. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A incorporación de todas estas doentes á listaxe da Consellaría de Política Social deuse hoxe nestes centros residenciais. O primeiro está xestionado pola orde Franciscana, que onte á noite informaba do posíbel gromo. Os casos nos xeriátricos non deixan de aumentar.

A Consellaría de Política Social informou hoxe dunha evolución de contaxios masivos nas residencias en catro residencias de maiores da Galiza. A peor parada é a Paz y Bien de Tui, xestionada pola orde Franciscana, que onte á noite xa advertía do posíbel foco.

Segundo a Administración, o número de infectadas é de 34 persoas (33 usuarias e 1 traballadora), mais nun exercicio de transparencia a xestora explicaba que tiñan estimados 41 casos activos e outros dez sospeitosos e agardaban para hoxe a visita de expertas de medicina preventiva.

Segundo a Xunta, finalmente son 34 persoas as que padecen a Covid-19, polo que dun día para outro a residencia da fronteira con Portugal pasa ao segundo lugar das infraestruturas máis afectadas.

Tamén aparece de forma inesperada a residencia de Ribeira, cun total de 19 afectadas e afectados polo coronavirus. Só unha é operaria da instalación.

O primeiro posto neste triste podio segue a ser para a DomusVi Vimianzo, que malia ter algún usuarios que deron negativo nas novas probas (esta quinta feira foron seis), incorpora 15 doentes máis. Así os usuarios con síntomas xa están nos 70 e o cadro de persoal en 17. Practicamente 90 positivos nun período no que se confunden a segunda e a terceira onda da pandemia.

Na Mariña

Na San Bartolomeu de Xove seguen á alza con 12 novas residentes no balance da xornada e xa son 23, os enfermos, máis outro nos apartamentos tutelados. O outro surto na Mariña localízase no Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo, onde Política Social ten contabilizados a 22 individuos coa enfermidade.

O resto dos 204 maiores prexudicados pola Covid-19 repártense entre Moledo de Vigo (11); Santa Teresa de Jornet, na Coruña (7); Pastoriza (8); CRAPD Vigo II (4); La Saleta en San Cristovo de Cea (4); Monte Tecla de A Guarda (2); Vilaboa (1) e Vila do Conde, en Gondomar, (1).

Na actualidade o número de empregadas e empregados dos xeriátricos que deron positivo son 88, mais a maioría concéntranse nas residencias xa citadas. O resto están noutras 30 localizacións da rede de atención galega.