Covid: Detectan un novo foco de 30 persoas asintomáticas nunha residencia de Silleda

Unha profesional sanitaria coas vacinas. (Foto: César Arxina / Europa Press)
As autoridades sanitarias tamén alertaron dun surto na área de Dixestivo do Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo, se ben este afecta de momento a seis doentes. Aliás, hoxe comunicouse un novo falecemento polo que as vítimas da pandemia abeiran as 2.300.

O Concello de Silleda alertou esta tarde da aparición dun gromo da Covid-19 na residencia de maiores da vila. Nas probas practicadas no centro residencial localizáronse a 30 persoas co virus pero sen síntomas.

O municipio pasou de ter seis casos activos a 37. No entanto, o Goberno local pide que isto non afecte á hora de estabelecer restricións porque as e os usuarios "non interactúan socialmente co resto dos habitantes" da localidade.

Por outra parte, a Consellaría de Sanidade informou doutro foco, neste caso, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Polo que explicaron fontes do departamento que dirixe Julio García Comesaña este surto está localizado no departamento de Dixestivo e implica a infección de seis pacientes. A cifra podería mudar nas próximas horas porque seguen a practicarse probas por se puidera haber máis positivos.

Desde a Xunta confirmaron a Europa Press que a alerta se activou após realizar un test a unha persoa ingresada. Esa PCR deu resultado positivo, polo que se estenderon os exames ao resto de pacientes ingresados nesa zona e, até agora, confirmáronse outros cinco casos máis.

Unha vez se obtiveron os datos, as e os pacientes foron illados no espazo para doentes da Covid-19 do complexo sanitario.

Preto das 2.300 mortes

Á marxe deses focos, Sanidade tamén comunicou o falecemento dunha muller de 75 anos que estaba ingresada no mesmo hospital. Esta tiña patoloxías previas e non puido superar o coronavirus.

Con esta morte -á que se poderían sumar máis nos próximos días, pois o Executivo galego notifica algúns pasamentos con atraso nas últimas semanas-, o número de vítimas da pandemia na Galiza xa está en 2.290.