Covid: A cifra de doentes nas residencias queda en 660 debido ao surto de Vila do Conde

Uns homes pasean por Vilalba o día que comezaron as restricións. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
No centro de Gondomar hai 105 enfermas, entre usuarias e traballadoras. Nas infraestruturas de atención á discapacidade hai 40 casos activos segundo informan as autoridades sanitarias. Para ter un maior control anunciouse que haberá cribados semanais.

O foco de coronavirus detectado na residencia Vila do Conde, de Gondomar, que onte pasou dunhas poucas afectadas a 105 doentes eleva a cifra de casos activos nas residencias galegas aos 457. Iso tan só sumando ás e aos usuarios, pois os cadros de persoal dispoñen de 203 persoas menos por ter síntomas da Covid-19.

Malia que na comunidade educativa do país hai máis positivos, a Consellaría de Política Social é consciente de que hai un maior risco para a saúde entre as residentes dos xeriátricos. Así o proba o feito de que moitas das vítimas da pandemia até o de agora viviran nestas instalacións.

Malia que do parte diario saíron sete pacientes da San Cibrao, de Cervo; oito da Salvaterra de Miño e un de Monforte e Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia, respectivamente, a detección de tantos contaxios en Gondomar non permite rebaixar as estatísticas.

Neste momento, o surto máis amplo é o do Asilo de Vilalba, onde hai 117 residentes infectadas. Despois está a residencia Doral de Mos con 100 e en terceiro lugar colocouse Vila do Conde con 89 positivos tan só entre as e os usuarios.

Outros dos centros con máis presenza do virus son a Residencia Pontevedra de Vilaboa (29); a San Antonio de Beariz (22); a DomusVi Ribadumia (21); a San Cibrao (14); a Ballesol Vigo (11) e a CRAPD Vigo II (10).

Atención á discapacidade

No que se refire exclusivamente a traballadoras e traballadores, na actualidade hai 203 en corentena por ter síntomas, ademais de que seguramente haxa máis xente polos contactos estreitos. Pero a Xunta non apunta ese dato. O número de instalacións polas que se reparten estes casos é moi elevado.

Para aumentar o control destes gromos, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, anunciou hoxe após o Consello que comezarán a facer cribados semanais nestas infraestruturas.

Tamén os centros de atención á discapacidade da Galiza están a padecer o virus pois, segundo o informe das autoridades, nesta quinta feira hai 30 infectadas entre as e os beneficiarios e 11 nos cadros de persoal.

A San Vicente Paúl de Lugo ten 18 das infectadas mentres que outras 10 están na Doral de Mos. É aquí tamén a onde pertencen a maioría das operarias con coronavirus.