Covid: a baixada dos contaxios permite reducir o número de aulas fechadas

Un home cruza por un paso de peóns nunha das vilas con máis límites. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Xunta informou esta terza feira de que hai só 35 clases sen actividade, mentres que o venres eran 51. Entre a comunidade educativa galega quedan 1.179 casos positivos por coronavirus.

A presión da Covid-19 nas residencias de maiores redúcese moi pouco a pouco pero os centros educativos teñen mellor sorte, cando menos polo momento. A Xunta informou hoxe de que o número de aulas fechadas por algún positivo e a consecuente corentena para o grupo baixou de 51 a 35.

Neste momento hai 1.170 infectados na comunidade educativa, entre os que habería que sumar alumnado, profesorado e o resto de traballadoras e traballadores de gardarías, escolas infantís, colexios e institutos. É dicir, a estatística de persoas infectadas continúa a baixar día tras día.

Esta terza feira a única instalación que se viu obrigada a facer uha parada total é a gardaría Xirandola de Compostela. A escola parou a súa actividade após detectarse un positivo. No entanto, o centro máis afectado de todo o país é o CEIP Fogar de Carballo (A Coruña), onde malia a baixar os contaxios segue habendo 25 doentes.

Por áreas educativas, é a de Vigo a que ten peor situación, pois a Xunta suma 321 individuos con síntomas de coronavirus. Na Coruña a cifra queda en 271, sendo unha zona na que aumentan en seis os casos con respecto a onte.

Nesa mesma situación de ascenso atópase Pontevedra, mais neste caso só houbo dúas infeccións máis nesta última xornada. O cómputo global é de 158, mentres en Lugo o balance é de 162 enfermas e enfermos no ensino.

Na demarcación de Compostela, segundo as autoridades educativas, hai 119 pacientes aínda afectadas pola Covid-19. As clases fechadas son catro (onte eran oito) pero é o único entorno no que foi preciso paralizar a normalidade nunha gardaría.

As áreas menos afectadas son Ourense e Ferrol. Nas dúas comarcas de referencia hai 74 doentes, respectivamente.