Covid: As autoridades sanitarias contabilizan 13 falecementos máis na Galiza

Traballadores sanitarios no entorno dunha residencia de maiores. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Na xornada de hoxe faleceron até oito persoas que estaban vinculadas as residencias de maiores, das que siguen trascendendo malas noticias e denuncias.

O número de mortes pola pandemia do coronavirus na Galiza xa chegou ás 1.132. Esa é a fría estatística global até esta sexta feira despois de que a Consellaría de Sanidade informase do pasamento de 13 persoas máis.

Dáse a circunstancia de que hoxe volveu haber unha subida dos óbitos relacionados cos centros xeriátricos, xusto na mesma xornada na que se soubo máis información de dous novos surtos, en Beariz e Vilalba. No entanto, os falecementos non tiveron que ver con eses focos.

Segundo as autoridades sanitarias, tres usuarias perderon a vida nas propias infraestruturas. Trátase dunha muller de 100 anos que vivía no centro de San Cibrao, en Cervo, sobre o que hoxe se fixeron novas denuncias laborais; unha doente de 86 anos da residencia Hermanos Prieto do Carballiño e unha última enferma, de 92 anos de idade, que estaba na tamén polémica instalación de Salvaterra de Miño.

Nos centros hospitalarios

No hospital do Barco de Valdeorras finou unha paciente de 72 anos que fora trasladada desde o xeriátrico de Viana do Bolo.

No centro hospitalario da cidade de Ourense rexistraron o deceso dun varón de 85 anos que era usuario da Nosa Señora dos Miragres de Barbadás. Xa atendido polos equipos sanitarios do Salnés faleceu outro home, de 86 anos, que procedía da Valvanera de Cambados.

O centro residencial de Cervo sumou outra baixa ao non poder salvar a vida un infectado de 93 anos. Pola súa banda, a Doral de Mos tiña derivado a unha muller de 87 anos ao hospital de Vigo, onde nun superou as complicacións do seu estado de saúde pola Covid-19. 

Xa á marxe das residencias, no hospital de Pontevedra atenderon a un varón de 77 anos que tampouco saíu adiante despois de contraer o virus.

No Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) morreron unha paciente de 95 anos e outro de 64. Na Coruña, no Chuac, pereceron un varón de 79 anos e outra doente de 77.