Covid: 27 novos falecementos desde a segunda feira levan o número de vítimas ás 1.441

Instalacións da residencia de Eirís, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
Até seis das e dos doentes falecidos estaban vinculados con residencias de maiores, dous deles coa San Bartolomeu de Xove e outros dous coa Santa Teresa de Jornet, situada no barrio coruñés de Eirís.

Os cinco falecementos notificados hoxe polas autoridades sanitarias elevan o número de vítimas da pandemia a 1.441, após que entre a segunda feira e hoxe falecesen na Galiza un total de 27 persoas. Dos datos que transcenderon, polo menos seis persoas tiñan relación coas residencias de maiores.

A Consellaría de Sanidade informou hai escasos momentos dos decesos de cinco persoas ao longo da xornada. En concreto, rexistrouse o óbito dunha usuaria da 84 anos na San Bartolomeu de Xove, onde está un dos focos máis grandes neste momento, e outra de 89 anos na Santa Teresa de Jornet na Coruña.

Ademais, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) tivo lugar o deceso dun paciente da Covid-19 de 95 anos, no hospital de Ferrol decorreu o pasamento dun home de 80 anos e en Povisa o dunha doente de 93 anos. Todas as vítimas tiñan patoloxías previas, como parece que sucedeu ao longo desta semana.

Na segunda feira déronse a coñecer 7 mortes, cinco delas no Chuac. Alí os equipos sanitarios non puideron facer nada por salvar a tres mulleres de 91, 84 e 83 anos e dous homes de 65 e 77. No Modelo, tamén na Coruña, deuse o óbito dun varón de 78 anos e, ademais, perdeu a vida unha residente da San Bartolomeu de Xove de 87 anos.

A terza feira foi igualmente negativa con seis vítimas do coronavirus: catro homes de 82, 82, 64 e 88 anos de idade e dúas mulleres de 85 e 76. Un dos varóns era usuario da residencia Moledo de Vigo e outro finou na súa propia casa. Na cuarta houbo outros catro falecementos. En Ferrol sumouse a morte dunha paciente de 80 anos e no Clínico de Compostela o virus puido cun varón de 75 anos.

Ademais, na DomusVi de Vimianzo (outra das infraestruturas con alto nivel de contaxios) pereceu un usuario de 92 anos. Por último, no hospital Quiron da Coruña avisaron do deceso dunha relixiosa da congregación que xestiona a residencia Santa Teresa de Jornet de Eirís.

Onte non puideron curarse da infección unha muller de 80 anos que estaba na súa casa, tres homes (86, 88 e 65 anos) que eran atendidos no Hospital de Vigo (Chuvi) e outra doente de 85 anos que estaba ingresada en Pontevedra.