COVID-19: Superados os 300 positivos en residencias de maiores

Traslado de maiores dunha residencia durante a semana pasada (Imaxe: Arxina)

As cifras fornecidas pola Consellaría de Política Social a última hora do domingo indican os casos positivos en coronavirus nas residencias de maiores sitúanse en 314, dos que 237 se corresponden con usuarios e 77 con traballadores.

O cómputo das últimas 24 horas amosa que o número de positivos en coronavirus nas residencias de maiores creceu un 17,6% en total, 47 casos máis que o sábado, dos que 30 son persoas usuarias e 17 traballadores.

No caso de residentes afectados, apareceron novos diagnósticos en Crecente, con 17, A Nosa Señora da Esperanza de Ourense, que suma 15, en DomusVi San Lázaro de Santiago, que chega a 25 e en Divino Maestro de Ourense, con 5.

O centro que presenta un maior número de contaxiados é DomusVi Barreiro de Vigo (74), San Carlos de Celanova (45), O Portazgo da Coruña (19), Nosa Señora de Fátima no Barco de Valdeorras (13), Concepción Arenal (4) da Coruña, DomusVi Cangas (6), Fogar Bellolar (3) e a de Castro Caldelas (2).

A todos eles súmanse os casos individuais que se rexistraron na Residencia de Arteixo, Nosa Señora do Carme en Fisterra, Residencia Betania en Viveiro, Nosa Señora da Asunción de Caldas de Reis, Fundación Xosé Otero de Santiago, DomusVi de Monforte de Lemos, o Centro Residencial de Atención a Persoas Dependentes (Crapd) de Vigo, As Fragas de Pontedeume e na residencia Moledo de Vigo.

15 falecementos

En canto ao balance de falecementos, nas últimas horas morreron tres persoas en residencias de maiores. Concretamente, dúas delas na DomusVi San Lázaro, que suma cinco vítimas mortais en total; e a outra en Divino Maestro.

O resto producíronse no Portazgo (3), Fogar Bellolar (2), Castro Caldelas (1), Celanova (1), DomusVi Barreiro (1) e DomusVi Carballo (1).

Sobre os diagnósticos máis recentes entre os traballadores, xurdiron na residencia de San Pedro de Crecente, que chega aos 12; no Portazgo, que suma 8 en total e en Nosa Señora do Carme (Fisterra), que rexistra o seu primeiro positivo nun empregado. Desta maneira, a cifra de empregados que sofren coronavirus ascende até aos 77.

Centros para persoas con discapacidade

Nos Centros de Atención para Persoas con Discapacidade os casos confirmados por Política Social aumentan até 24 afectados (+15). Estes 15 contabilizáronse no CAPD de Redondela (20). O resto están en Aspronga (1), Aixiña (1), Santa Cruz de Rosendo (1) e na Residencia Dano Cerebral Cruz Vermella de Castro de Rei (1).

Ao mesmo tempo, a cifra de traballadores que padecen o virus mantense en sete: catro de Redondela, un da Vivenda Tutelada Ágora, de Monforte de Lemos e outro na de Santiago e un novo no CAPD de Sarria.

Feixoo non adopta novas medidas

Na videoconferencia posterior á reunión que mantivo co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, o xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que as residencias de maiores “son o foco de maior preocupación” para a Xunta. Porén, non expuxo ningunha medida para tratar de reverter a situación que se sofre nas residencias.

O presidente do Goberno galego só puxo enriba da mesa a “posibilidade” de transformar máis centros de maiores en residencias integradas, como as de Baños de Molgas e Compostela para darlles cobertura ás persoas contaxiadas.

No día de onte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou a "falta de iniciativa" de Feixoo e emprazouno a ir "máis aló dunha mera enumeración da situación”, coa adopción de “medidas contundentes e con urxencia”.Pontón solicitou plan de choque que contemple a realización masiva de test entre persoas usuarias e traballadoras.