Covid-19: O número de falecementos baixa a 7 após días en taxas máis elevadas

Traslado dun usuario na residencia de San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Tres das persoas que non conseguiron superar a enfermidade no día de hoxe estaban relacionadas con residencias de maiores, que siguen rodeadas da polémica.

Após un día con 21 falecementos comunicados e dúas xornadas nas que se contabilizaron 15 vítimas, as estatísticas baixaron hoxe un pouco malia que o desexábel sería non ter que sumar ningunha morte máis pola pandemia.

A Consellaría de Sanidade informou de sete pasamentos polas complicacións derivadas da Covid-19 na saúde das e dos doentes. Así, desde que a pandemia se deixou notar na Galiza xa houbo 1.046 vítimas.

Das sete persoas das que tiveron noticia as autoridades sanitarias até agora, tres delas eran usuarias de centros residenciais.

Así, no hospital de Vigo produciuse o deceso dun home de 82 anos que vivía na Ballesol e o dunha muller de 77 anos que fora trasladada desde o xeriátrico de Salvaterra de Miño, cuxas condicións e calidade asistencial segue a investigar a Xunta segundo asegurou esta quinta feira o presidente Alberto Núñez Feixoo.

Xa nas instalacións hospitalarias do Salnés certificouse o óbito dunha enferma de 87 anos que procedía da DomusVi de Ribadumia.

Ademais, no hospital olívico finou un varón de 82 anos; no da Coruña outro home de 80 anos e no CHUS, en Compostela, unha muller de 88 anos. Así mesmo, rexistrouse un pasamento na casa: neste caso dun home de 74 anos que vivía en Crecente.

Segundo fontes do departamento de Sanidade os sete falecidos padecían patoloxías previas.