A Covid-19 non provocou ningunha vítima mortal nas últimas 24 horas

Zona delimitada para facer as probas en Burela. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Malia non ter que lamentar ningún falecemento entre a noite desta segunda feira e onte, si se detectou un repunte de 251 contaxios. Polo de agora, segundo a Dirección Xeral de Saúde Pública, hai 4.460 casos activos.

A cifra de contaxios da Covid-19 no país ascendeu en 251 entre a noite desta segunda feira e onte. Así o comunicou hoxe a Dirección Xeral de Saúde Pública, que aclarou que hai 4.460 casos activos.

O número de persoas que padecen a enfermidade aumenta constantemente malia que nas últimas 24 horas houbo 141 altas de doentes e non houbo que lamentar ningún pasamento.

Mais este último dato algo esperanzador non implica que os puntos máis febles na loita contra o virus non continúen nunha situación crítica. De feito, houbo un gran gromo entre as e os residentes da residencia que a Fundación San Rosendo ten no concello de Lobeira.

Por zonas, a Consellaría de Sanidade explicou que o número de afectadas caeu un pouco nas áreas sanitarias da Coruña e Cee e Lugo, pero aumentaron nas outras cinco, en especial na de Ourense, con 51 máis. Precisamente 47 deses casos son no xeriátrico Nosa Señora do Viso.

Desta maneira, na demarcación da Coruña e Cee os casos activos polo virus sitúanse en 1.110 (catro menos que un día antes) e na de Lugo en 679 (oito por debaixo).

En Ourense as doentes xa son 602 (51 máis); na zona de Pontevedra e o Salnés chegan até 736 (34 a maiores); e rexístranse 633 na de Santiago e Barbanza, sumando seis novos contaxios.

No caso de Vigo hai outras 22 veciñas e veciños infectados e xa alcanzan as 511 e en Ferrol hai que falar de 189 doentes, nove máis que esta terza feira.

Até hoxe na Galiza curáronse 17.308 persoas e producíronse 721 falecementos. Segundo Sanidade xa se practicaron 440.382 PCR.