Os gromos de Ourense e Verín afectan a 13 traballadoras de unidades de hospitalización

Persoal do CHOU aplaude ao primeiro doente da Covid-19 que saíu da UCI na primeira onda. (Foto: Europa Press)
Desde a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco aclararon que xa se puxo en marcha o protocolo para que as e os doentes garden corentena. Así mesmo, estase a facer seguimento do persoal e pacientes de risco por estar en contacto coas sanitarias.

A Consellaría de Sanidade anunciou esta mañá que vén de detectar un abrocho entre o persoal sanitario do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU), onde habería de momento cinco casos positivos por coronavirus. Ademais, hai outro gromo activo con oito empregadas e empregados no Hospital Público de Verín.

Os gromos, aclararon fontes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, correspóndense nos dous casos con persoal das unidades de hospitalización destes centros.

Unha vez que se tivo coñecemento dos casos entrou en funcionamento o protocolo de seguemento e illamento de contactos de risco entre o persoal e as e os pacientes das dúas unidades.

Nestas áreas dos hospitais "bloqueáronse os accesos e visitas este martes" co obxectivo de que os contaxios non continúen.

Atendendo ás instrucións do Servizo de Medicina Preventiva e da Unidade de Saúde Laboral, as e os 13 sanitarios atópanse en corentena.

Cinco deles son do hospital de Ourense mentres que outros oito estaban a atender a enfermas e enfermos en Verín.

Neste contexto, mantéñense os estudos para determinar "a orixe e o alcance dos focos". Cando menos así o confirmaron desde a área sanitaria afectada.