A Covid-19 causa a morte de medio cento de galegas e galegos en menos de cinco días

Cidadáns agardando por unhas probas de cribado en Ribeira. (Foto: Europa Press)
A Consellaría de Sanidade informou hoxe do falecemento de 15 persoas, que se suman ás 15 notificadas onte e aos 21 pasamentos que se deron a coñecer a segunda feira e que tamén correspondían a mortes sen contabilizar na fin de semana.

En menos de cinco días Galiza leva acumuladas 51 mortes pola afección da Covid-19, sobre todo a persoas con patoloxías previas que facían que o seu risco fose maior en caso de contaxiarse. A cifra é moi elevada tendo en conta que alude a cinco días, pero ese cómputo non é de todo real.

A pasada segunda feira, a Consellaría de Sanidade informou de 21 pasamentos polas complicacións do virus na saúde de moitas galegas e galegos. No entanto, aclarou que parte dos decesos correspondían aos non contabilizados durante a fin de semana. É dicir, tanto o sábado como o domingo houbo falecementos que se comunicaron e logo se tivo coñecemento doutros que pasaron a engrosar esa dura listaxe de 21 doentes.

Por iso, sumando os 15 pasamentos de onte e os 15 que veñen de ser comunicados pola Xunta, a cifra en pouco máis de tres días reais está por riba do medio cento. Malia que poidan mellorar outros ratios, o ritmo de falecementos é destacábel.

A estas alturas, os nomes que se esconden tras unhas estatísticas moi frías son 1.039.

Das infectadas que perderon a vida hoxe, as autoridades sanitarias aseguran que todas tiñan esas patoloxías previas que as fan máis débiles á hora de loitar contra os efectos do virus. Aliás, seis das 15 falecidas vivían en residencias de maiores.

En concreto, unha muller de 90 anos finou na propia residencia Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume. Xa nos centros hospitalarios correspondentes non se puido facer nada por salvar a unha muller de 92 anos usuaria da residencia de Salvaterra de Miño, rodeada da polémica, e a outra de 99 anos que fora trasladada desde o xeriátrico da Saleta de San Cristobo de Cea.

Na instalación Santa Olalla de Boqueixón tiveron tres baixas por motivos ben negativos. Un usuario de 86 anos de idade que estaba a ser atendido no Hospital HM La Rosaleda e outros dous de 87 e 105 anos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) foron vítimas da pandemia.

Sen vínculo cos xeriátricos

Xa sen relación cos centros residenciais, notificouse o óbito de dous varóns de 78 e 88 anos no hospital da Coruña e doutro enfermo de 84 no de Ferrol. Naquela área sanitaria tamén se tivo coñecemento da morte dun veciño de 90 anos na súa casa. O mesmo sucedeu cunha cidadá de Compostela de 96 anos.

Ademais, faleceron en hospitais de Vigo dous pacientes de 91 e 69 anos. No hospital de Ourense tivo lugar o pasamento dunha doente de 88 anos e un enfermo de 94 anos morreu no seu domicilio de Boborás.