Por que a COVID-19 afecta máis a Galiza que a Portugal?

O Goberno portugués estabeleceu controis a respecto da mobilidade no país antes que o Goberno español (Gerardo Santos / Atlântico Press)
As cifras son claras. Mentres Portugal suma 10,2 millóns de habitantes e 714 mortes por coronavirus, o que representa un índice letalidade de 7 persoas por cada 100.000, Galiza con algo menos de 2,7 millóns de cidadáns e cidadás, alcanza 460 mortes e un índice de letalidade de 17 persoas por cada 100.000.

Mentres na Galiza se confirmaban as dúas primeiras mortes por coronavirus e veciñas e veciños de diferentes localidades costeiras galegas denunciaban a presenza masiva no país de cidadáns doutras partes do Estado, maioritariamente madrileños que chegaban ás súas segundas residencias no país, fuxindo da epidemia na capital do Estado, o presidente portugués, António Costa, declaraba o sábado 16 de marzo o estado de alerta e fechaba os 1.200 quilómetros de fronteira co Estado español. A decisión non tardaba en ser criticada por diversas autoridades de localidades fronteirizas do sur e do centro español.

O temor á expansión da pandemia polo efecto español levou o Goberno portugués a actuar coa máxima urxencia. A primeira e segunda semana de marzo produciuse unha importante mobilización da sociedade portuguesa demandando o feche das fronteiras co Estado español, petición á que se sumaron un número importantes de alcaldes, como o de Porto, Rui Moreira, preocupados polo éxodo masivo de españois cara ás zonas turísticas. 

O Goberno portugués non dubidou en fechar os núcleos máis afectados polo coronavirus nos momentos iniciais da pandemia

Nesta liña, os días anteriores ao feche da fronteira, as autoridades da nación veciña xa estabeleceron limitacións ao tráfico de turismos na fronteira de Estremadura, lugar de acceso habitual para os madrileños. O 15 de marzo, horas antes da aprobación das medidas de excepción, vivíronse neste punto diversas situacións de tensión a consecuencia do interese de cidadanía española con residencia en Lisboa de pasar a Portugal.

A negativa a fechar Madrid

A negativa a fechar Madrid foi unha das causas da expansión do coronavirus na Galiza e no conxunto do Estado. A diferenza do acontecido naquelas nacións que combateron con máis eficacia a pandemia, comezando pola China coa cidade de Wuhan, o Goberno español negouse a confinar Madrid, argumentando que “o coronavirus non sabe de fronteiras”. 

Pola súa banda, a decisión do Executivo italiano de confinar as áreas de Lombardía e do Venetto reduciu o impacto do coronavirus no conxunto do Estado, como demostran os datos de contaxios no sur e no centro do país, con cifras por baixo das 452 persoas por 1.000.000 de habitantes.

O temor á expansión da pandemia polo efecto español levou o Goberno portugués a actuar coa máxima urxencia

Portugal é un exemplo de éxito na loita contra o coronavirus. A data de onte suma 714 mortes, cun índice de letalidade de 7 persoas por cada 100.000 habitantes e 20.206 contaxiadas. Rexistra unha maior incidencia no norte do país, con 409 persoas falecidas e 12.148 contaxiadas. O epicentro é a cidade de Porto, principal núcleo económico do país.

A un nivel inferior atópase a rexión centro, a área situada entre a zona norte e Lisboa, con 164 mortes e 2.963 doentes; seguida da rexión de Lisboa, con 126 mortes e 4.500 enfermas; distrito de Faro, con 10 mortes e 310 doentes e das Azores, con 5 mortes e 106 contaxiadas. O arquipélago de Madeira e a rexión do Alentexo non suman ningún falecemento.

Portugal, exemplo de éxito

O desigual comportamento da pandemia no interior de Portugal é obxecto de diversas explicacións. O subdirector da Escola Nacional de Saúde Pública de Portugal, João Abrantes, en declaracións á BBC, puña de manifesto que as causas desta diferenza son de natureza económica, destacando que Porto é unha zona máis industrial e Lisboa de carácter máis turístico.

Por outra banda, a zona do norte é a área do país con maior conexión co Estado español, até o punto de que a fronteira galega concentra 49% do tránsito total con Portugal, salientando tamén o alto nivel de contaxios en moitas localidades da zona, entre elas Braga, cun significado nivel de persoas afectadas por coronavirus. 

A resposta das autoridades da nación veciña fronte á epidemia presenta importantes diferenzas coa do Goberno español. A prensa internacional e diversos analistas expuxeron que Portugal comezou a adoptar as primeiras medidas de confinamento e de restrición de mobilidade da súa poboación cando a doenza aínda estaba moi pouco desenvolvida. Así, por exemplo, o feche dos centros de ensino produciuse cando non se tiña declarada ningunha morte oficial por coronavirus, decretándose o estado de alarma con só 331 persoas contaxiadas. Porén, o Estado español agardou a tomar esa decisión cando se sumaban 335 mortes.

A prensa internacional e diversos analistas expuxeron que Portugal comezou a adoptar as primeiras medidas de confinamento e de restrición de mobilidade da súa poboación cando a doenza aínda estaba moi pouco desenvolvida

O Goberno portugués non dubidou en fechar aqueles núcleos de poboación máis afectados polo coronavirus nos momentos iniciais da pandemia. Así, por exemplo, o sábado 7 de marzo aprobaba confinar as localidades miñotas de Lousada e Felgueiras, onde se concentraban 19 dos 31 positivos confirmados naquela altura no país veciño. A decisión non só afectou aos perto de 20.000 residentes destes dous concellos, senón que impediu calquera contacto físico co resto do país de arredor de 100.000 persoas da comunidade intramunicipal de Támega e Sousa. Naquela altura, o Executivo de António Costa anunciaba, tamén, a súa disposición a fechar novas zonas se o alcance da pandemia o requiría.

Portugal destacou no control da mobilidade interna. Na perspectiva de impedir o desprazamento ás segundas residencias e outras prácticas asociadas ao turismo, prohibiu as viaxes fóra do concello da vivenda habitual nos días non laborábeis e durante as vacacións de Pascua, decisión que contrastou co acontecido no Estado español durante esas datas. 

Precisamente, ao longo deses días as estradas de saída de Madrid volveron vivir importantes atascos en dirección ás localidades costeiras.