Covid-19: 819 novos contaxios en 24 horas e máis de 7.000 casos activos

Punto de cribado con tests de antíxenos na Mariña, nunha imaxe de arquivo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A Galiza afronta o inicio da ponte de decembro cunha nova subida da incidencia e supera os 7.000 casos activos de Covid-19 ao situarse en 7.036 -que supoñen 541 máis que o día anterior- tras repuntar os novos contaxios a 819 -implican 39 máis que a xornada pasada-. Pola súa banda os pacientes hospitalizados por este coronavirus ascenden a 197 -dez máis- e a taxa de positividade mantense nun 8%.

Segundo os datos publicados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta quinta, increméntanse a 36 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza -catro máis- e soben a 161 as hospitalizadas noutras unidades -seis máis-, mentres que 6.839 pacientes están en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en catro: Vigo, Lugo, Ferrol, e Santiago-Barbanza; mantense nas da Coruña-Cee e Ourense e alíviase lixeiramente na de Pontevedra-O Salnés.

Desta maneira, na área de Vigo increméntanse a 15 os pacientes Covid en UCI -tres máis- e a 40 os ingresados noutras unidades -dous máis-, mentres que na de Ferrol segue un en críticos e aumentan a 20 os hospitalizados en planta.

As áreas de Santiago-Barbanza e Lugo seguen sen cambios en UCI, con catro e tres ingresados, respectivamente, e aumentan a seis e sete os hospitalizados en planta pola Covid-19, que implican un máis en cada caso.

No caso da área de Ourense aínda que aumentan a seis os pacientes Covid en UCI -dous máis-, descenden a 49 os ingresados noutras unidades -dous menos-; e na da Coruña-Cee baixan a catro o críticos -un menos- e soben a 19 os hospitalizados en planta -un máis-.

A única área sanitaria na que se alivia lixeiramente a presión hospitalaria é na de Pontevedra e O Salnés, na que se manteñen tres pacientes Covid en UCI e descenden a 20 os ingresados noutras unidades -un menos-.

Máis de 7.000 casos

A Galiza mantén a tendencia ascendente de casos activos da Covid-19, que se sitúan en 7.036, que implican 541 máis que o día anterior, ao haber máis contaxios (819) que altas (276), aos que se suman varios falecementos. Na sexta anterior -26 de novembro- había 3.970 infeccións activas no conxunto da Galiza.

As infeccións activas aumentan de novo nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (+192), seguida da de Pontevedra e O Salnés (+126); Ourense (+104); A Coruña e Cee (+56); Santiago e Barbanza (+37); Lugo (+14) e Ferrol (+12).

Así, con máis casos activos continúa a área de Vigo, con 2.033; seguida da de Ourense, con 1.813; A Coruña e Cee, con 967; Pontevedra e O Salnés, con 793; Lugo, con 587; Santiago e Barbanza, con 525; e á cola segue a de Ferrol, con 318.

Segundo os últimos datos actualizados na tarde da quinta feira polo Ministerio de Sanidade, a Galiza conta cunha taxa a 14 días de 240,99 casos por 100.000 habitantes -o día anterior situouse en 221,85-, polo que por segundo día supera a media estatal, que está en 234,03.

Máis de 800 novos contaxios

Os novos contaxios da Covid-19 superan os 800 no conxunto da Galiza ao ascender a 819, que supoñen 39 máis que os 780 da xornada anterior, após os 704 da cuarta, os 494 da terza e comezar esta semana con 415.

A sexta da semana pasada rexistráronse 500 novos contaxios -uns 300 menos- e a cifra máis baixa desde que a Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade' corresponde á segunda feira 11 de outubro, cando houbo 14.

Desde o inicio desta crise sanitaria realizáronse 3.021.527 PCR na Galiza, que implican 8.462 máis que as contabilizadas até o día anterior e unhas 720 máis que as feitas a xornada pasada.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, sitúase nun 8,48% e mantense por encima do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia na Galiza increméntanse 2.676, ao notificar esta quinta a Consellaría de Sanidade tres óbitos.