Covid: 1.107 vítimas na Galiza após unha xornada con 15 pasamentos

As residencias de maiores volven ser un dos lugares nos que as e os doentes teñen peor evolución coa enfermidade.

A Consellaría de Sanidade comunicou esta cuarta feira o falecemento doutras 15 persoas infectadas pola Covid-19, o que supón que as vítimas mortais que causou o virus na Galiza alcancen xa as 1.107.

Das 15 persoas que morreron ao longo desta xornada, até seis eran usuarias e usuarios de residencias, un dos puntos máis febles nas estatísticas de curación do coronavirus.

Polo que explicaron as autoridades sanitarias, dúas persoas finaron sen chegar a saír dos centros. É o caso dunha usuaria de 88 anos da residencia Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume (onde xa se deron varios óbitos) e un home de 84 anos que vivía na Arieiro (coñecida como CRAPD II) de Vigo.

Así mesmo, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) tivo lugar o deceso dunha residente da Ballesol de Oleiros de 102 anos de idade. Na área sanitaria de Ferrol, tamén atendida polos equipos médicos, morreu unha doente de 96 anos que chegara procedente da San José, situada no concello de Narón.

O Hospital do Salnés foi outro dos que non puido facer nada por salvar a vida dunha paciente de 83 anos que fora trasladada desde o xeriátrico DomusVi Ribadumia. Ademais, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) rexistrouse o pasamento dun paciente de 86 anos que era usuario da Virxe da Clamadoira, en Muíños.

Sen relación cos centros

Á marxe das vítimas vinculadas aos centros residenciais, no hospital coruñés tamén notificaron o falecemento de dúas muller que deran positivo, neste caso de 57 e 67 anos. No de Ourense, ademais da vítima da residencia, tamén morreu un varón de 66 anos e unha afectada do virus de 94 anos.

Na área sanitaria de Vigo, o hospital de referencia sumou o deceso de dúas mulleres enfermas de 93 e 59 anos, así como dun doente de 84. Sanidade tamén avisou do falecemento dunha muller de 87 anos no Hospital Vithas Fátima e o dun home de 82 en Povisa.