Un censo de inmóbeis baleiros á procura de novos propietarios e inquilinos en Folgoso

O Courel abre as portas das súas vivendas baleiras

O alugueiro de longa estancia é unha das modalidades mellor acollidas entre as persoas interesadas en vivir no Courel. (Foto: Courel Vivo)
Courel Vivo vén de abrir un censo de casas, cabanas e sequeiros abandonados no concello. Un catálogo accesíbel e gratuíto nun momento en que a pandemia aumentou a demanda de casas baleiras no contorno natural. A iniciativa busca facilitar o contacto das persoas propietarias e inquilinas atraídas pola vida en Folgoso.

"No último ano, coincidindo, ademais, coa chegada do novo coronavirus, descubrimos que había moita xente interesada en vir para o rural, e máis para o Courel. Familias dispostas a comprar ou a alugar unha vivenda por un período longo que non atopaban recursos suficientes nos sitios de sempre: nin nas inmobiliarias nin nos portais de internet", asegura a Nós Diario Óscar Carrete Lage, portavoz e concelleiro de Courel Vivo en Folgoso do Courel.

A falta de alternativas reais á busca de inmóbeis na serra do Courel animou á formación local, con representación no concello desde 2015, a pór en marcha un censo de vivendas abandonadas. "Decidimos buscar aldea a aldea casas cuxos propietarios estivesen interesados en vender ou alugar. Sabemos que hai moitas máis das que figuran agora mesmo nese catálogo que se pode ver no noso blog, polo que confiamos en ir recollendo novas propostas e ampliando a oferta dispoñíbel".

O obxectivo último, afirma Óscar Carrete, é pór en contacto as partes: os donos das construcións desocupadas coas persoas atraídas pola idea de vivir nas montañas do Courel. 

A realidade das vivendas baleiras

Segundo o Instituto Galego de Estatística, en Folgoso do Courel hai 480 vivendas principais, 10% desahabitadas, e 430 secundarias, incide Carrete Lage. "Pero non hai un rexistro de vivendas en ruínas, moi numerosas en todos os núcleos, máis se temos en conta as edificacións tradicionais que moitas casas levan aparelladas, como sequeiros e cabanas". Neste sentido, aspiran a debater unha proposta que lles permita impulsar un rastrexo oficial que dea conta da realidade das vivendas abandonas, "polo patrimonio que se está a perder, xa que estamos falando de vivendas históricas, mais tamén porque supón un risco para a veciñanza".

En Folgoso do Courel hai 49 aldeas habitadas e unha que, malia contar con xente empadroada, non ten residentes de forma continuada. Moitas familias viven fóra, outras en localidades próximas, "e en ambos os dous casos a realidade responde a intereses distintos. Hai quen quere prescindir das vivendas de vello mais non está disposto a que se boten a perder. Prefiren velas ocupadas, por iso estudan a opción da venda, do alugueiro e mesmo da cesión, a cambio de que os novos ocupantes se encarguen dos traballos de recuperación necesarios", explican desde Courel Vivo.

Revivir o Courel

A idea, defenden, non busca revivir a Serra do Courel. "Para iso hai que deseñar un plan estratéxico, transversal, que afecte a todos os eidos e conte cun orzamento detrás, que, de momento, non se está a facer". Por iso presentan a iniciativa como un banco de vivendas aberto e accesíbel para quen busca regresar ao Courel das súas orixes, das súas vacacións habituais ou simplemente dos seus soños, "sen necesidade de telo pisado antes". 

Neste sentido, afirma, os seus promotores defenden a súa utilidade, "por exemplo, para aquelas familias que deciden que as súas crianzas estuden nun colexio do rural, cos valores que iso implica; ou para aquelas persoas que teletraballan e que atopan nas aldeas con cobertura -que non todas teñen- unha vivenda alternativa para acomodarse durante unha estancia prolongada".

O censo de construcións baleiras de Folgoso do Courel xa deu os seus froitos. Os contactos prosperan despois de se consolidar novas experiencias de vida na serra. "Temos xente de Santiago que decidiu apostar polo rural sen ter relación previa co Courel, e algunha casa alugada por familias con cativada, que tamén  axudou a nutrir o colexio coa súa chegada", asegura o portavoz de Courel Vivo.