As costas galegas rexistran un récord de animais varados en 2023

Unha balea varada en Ferrol o pasado mes de xuño (Foto: Raúl Lomba / Europa Press).
Entre outras curiosidades, apareceu en Fisterra un golfiño de flancos brancos ('Lagenorhynchus acutus'), unha especie do Atlántico norte moi rara na Galiza. De feito, o último individuo fora observado en 2004.

As costas galegas rexistraron un total de 669 animais varados durante 2023, maior cifra desde que hai rexistros e máis do dobre dos 316 que se contabilizaron en 2022. Foron 592 cetáceos, 12 focas, 25 tartarugas, 30 quenllas e 10 londras.

Así figura no informe que elabora a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma). Esta rede leva 34 anos en funcionamento e nunca se alcanzou unha cifra deste tamaño, xa que é case tres veces maior que a media dos últimos 30 anos, alertan.

Do total de animais varados, 64,5% computouse entre A Guarda e Fisterra, mentres que 35,5% produciuse ao norte de Fisterra. Segundo os datos recollidos pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, 42,3% dos cetáceos morreron por capturas de pesca accidental.

Cemma destaca que 2023 foi o ano con maior tartarugas computadas desde 2003, cun total de 25, 10 das cales estiveron ou están ingresadas en piscinas de recuperación que cede o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellaría do Mar.

Entre outras curiosidades, apareceu en Fisterra un golfiño de flancos brancos ('Lagenorhynchus acutus'), unha especie do Atlántico norte moi rara na Galiza. De feito, o último individuo fora observado en 2004.

O 2023 deixou perto dunha ducia de baleas varadas e o pasado outubro apareceu morto na Illa de Arousa o golfiño mular 'Illas', un macho que fora detectado en 2003 e que se viu na ría arousá nos últimos anos.

Fin da estacionalidade?

Paralelamente, esta entidade reflexiona sobre se terminou o fin da estacionalidade dos varamentos na Galiza. E é que tradicionalmente foron maioritarios nos meses de inverno debido ás condicións meteorolóxicas, con picos en meses de xaneiro e marzo.

Con todo, nos últimos anos obsérvase un aumento dos rexistros principalmente no verán, cunha frecuencia mensual máis homoxénea ao longo do ano "excepto na primavera".