Facebook, cos ollos postos na China

Facebook está a explorar diversos camiños para recuperar o mercado chinés, entre eles desenvolver unha aplicación capaz de controlar en tempo real certas conversas e impedindo que sexan publicadas.

 

 

Acusado de xogar un importante papel na victoria de Trump, Facebook entra de novo en polémica. Segundo informacións da imprensa americana, a rede está a explorar diversos camiños para recuperar o mercado chinés, onde o grupo de Mark Zuckerberg está en constante caída desde 2009, precisamente perante a versión chinesa Weibo. Unha desas medidads podería ser desenvolver un software capaz de impedir a publicación de certos posts en zonas xeográficas específicas.

A empresa xa suprime na actualidade certos temas de conversa a petición de diferentes estados, entre eles Paquistán, Rusia, Turquía ou Franza. Coa nova utilidade iría moito máis alá ao non se tratar xa de suprimir certos posts publicados, mais de impedir que aparezan certas conversas.

Liberdade de expresión ou mercado

Segundo diferentes informacións, Facebook non asumiría directamente o papel de censor. Preocupados pola posibilidade de os utentes occidentais consideraren que a empresa atraizoa os seus principios de liberdade de expresión en internet a cambio do acceso ao mercado chinés, a rede social poría o software a disposición dun parceiro, probabelmente unha empresa chinesa asociada, que sería a encargada de controlar os contidos compartidos, monitorizando completamente as conversas de usuario. 

"Facebook será ben vido sempre que respecte a lei chinesa e preste atención aos intereses do país e dos consumidores", asegura a imprensa chinesa


Sería este un dos numerosos camiños explorados para entrar na China. Para a imprensa chinesa, o posíbel retorno de Google e Facebook á China sería ben visto sempre que "respecten a lei chinesa e presten atención aos intereses do país e dos consumidores". Neste sentido a introdución de utilidades de control de usuarios non tería nada a ver coa censura e "permitiría facilitar a conexión de usuarios chineses".

Todas estas informacións están a saír á luz cando aínda segue viva a controversia sobre se Facebook contribuíu ou non na elección de Donal Trump como presidente. A rede social está acusada de influír no voto deixando proliferar falsas informacións e de non difundir entre os internautas máis que contidos previamente adaptados.