Medidas derivadas da Covid-19

A Coruña permite que o ocio nocturno cambie temporalmente de licenza

Xente nas terrazas da Marina, na Coruña. (M. Dylan / Europa Press)
O Concello facilitará aos pubs que traballen como cafetarías para evitar ao empresariado todas as perdas derivadas do feche das actividades de hostalaría polas noites. É unha medida que tenta axudar o sector ante as consecuencias da pandemia.

Meses de protestas e reivindicacións en toda Galiza é o que precisou o sector do ocio nocturno para que as administracións promovan as primeiras iniciativas de axuda tanxíbel aos negocios. O Concello da Coruña vén de anunciar que, de maneira temporal até oo 31 de xaneiro, permitirá que os pubs cambien as licenzas que teñen concedidas por outras de cafetaría de maneira que as perdas provocadas polo coronavirus non sexa tan elevadas.

Fontes do equipo da alcaldesa, Inés Rey, explicaron que esta decisiónn tomouse "ante a situación que padecen os negocios de hostalaría como consecuencia da pandemia e, especialmente os dedicados ao lecer nocturno".

Cabe recordar que os horarios de feche son moito máis limitados nos casos en que se pode abrir e que, en realidade, dadas as prohibicións da Xunta desde o 7 de agosto na contorna da Coruña teñen restrinxidas as aperturas.

Ante as necesidades dun sector que, en gran parte, sostén a economía do país e da cidade, o Consistorio atendeu as demandas para que non todo sexan perdas.

Si até o de agora o empresariado sentiu que o culpabilizaban dos contaxios, polo de agora na Coruña terán un pequeno impulso.

Nas condicións que estabelece a Xunta

"Permitiráselles a todos aqueles negocios de hostalaría que están en posesión dunha licencia tipo II, un permiso que actualmente aglutina a maioría de pubs da cidade, a realizar a mesma actividade que os establecementos encadrados na licenza de tipo I, que se refire a cafetarías, restaurantes, bares e café bares", concretou Rey, sobre esta medida.

Terán que manterse dentro dos requisitos que estabelece o Goberno galego para estos locais, mais terán algunha parte de ganancia que non poderían obter de seguir fechados.

Para a rexedora era preciso tomar algunha decisión compensatoria porque "xisten moitas familias na cidade que viven destes negocios que levan fechados meses polas restricións autonómicas e debemos facer algo para axudalos".

Agora queda comprobar cantos locais de lecer nocturno se suman a este cambio temporal de licenza no municipio.