A Xunta abre a man co ocio nocturno e permite aos locais instalar terrazas

Os locais de ocio nocturno manterán a limitación de horarios e a partir da medianoite non poderán permitir o acceso á clientela 
O ocio nocturno terá os mesmos dereitos que a hostalaría
photo_camera O ocio nocturno terá os mesmos dereitos que a hostalaría

O Goberno galego vén de dar un pequeno balón de oxíxeno aos negocios de ocio nocturno do país, que desde onte xa poden abrir as terrazas dos seus locais "nas mesmas condicións" que os de hostalaría, tal e como queda recollido na modificación das normas sobre medidas de prevención fronte á crise da Covid-19 que publicaba onte o Diario Oficial da Galiza (DOG) e que ten efecto "desde o día da súa publicación", é dicir, desde esta sexta feira.

A orde do Goberno galego contempla que a reapertura das terrazas "deberá levarse a cabo nas mesmas condicións e cumprindo as medidas de hixiene e prevención" fixadas para as dos estabelecementos de restauración e hostalaría, "da mesmoa maneira que ocorreu durante o proceso de desconfinamento".

Así, a capacidade máxima da terraza será de 75% e tan só se poderá consumir en mesa, sen que os negocios poidan instalar barras para os clientes da terraza. As mesas poderanse instalar na vía pública, deberán cumprir a distancia de seguridade entre elas e ter unha ocupación máxima de 10 persoas. En canto aos horarios, os estabelecementos tampouco poderán permitir o acceso ao local a partir da medianoite nin permanecer abertos máis aló da 1 da madrugada.

Con esta medida o Goberno galego dá resposta a unha das demandas deste sector, que move máis de 100.000 empregos na Galiza. Unha petición que levaba esta quinta feira ao Parlamento galego o grupo do BNG após manter unha xuntanza con representantes da Asociación de Hostalaría de Compostela, a Asociación Galega de Salas de Concertos e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, que tamén foron recibidos por dirixentes de Compostela Aberta.

Na proposta, o BNG pedía "igualdade de trato" co resto da hostalaría para os negocios de ocio nocturno que, ao seu xuízo, sofren medidas que poñen en risco a súa subsistencia.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, Lucía Vázquez, cuestionaba após a xuntanza que o fechamento do ocio nocturno se asenta baixo criterios sanitarios e incidiu en que o control das medidas de seguridade é máis efectivo en negocios que se os encontros se producen en domicilios.

Comentarios