O dono de Abanca fai parte do círculo íntimo de Juan Carlos I

Corinna Larsen mandou vixiar Escotet pola súa relación co rei emérito

Juan Carlos I de Borbón, en Sanxenxo, en 2019. (Foto: Europa Press)

A recente visita de Juan Carlos de Borbón a Sanxenxo non foi casual. O rei emérito conta na vila do Salnés cun círculo persoal que partilla co monarca posicións políticas, afeccións, ocio e o gusto polos negocios. O nome dalgúns deles, mesmo, está ligado a paraísos fiscais e a procesos como os papeis de Panamá.

Juan Carlos de Borbón quere facer de Sanxenxo a súa base de operacións nas súas visitas ao Estado español. A falta de coñecer con exactitude a duración das súas vindeiras estadías na vila do Salnés, dáse por feito que van ser temporais, xa que as circunstancias legais e políticas non dan para que o rei emérito fixe a súa residencia definitiva no Estado.

O importante patrimonio de Juan Carlos de Borbón é o principal impedimento para o seu retorno. Fixar o seu domicilio no Estado español, obrigaríao a estabelecer no mesmo o seu enderezo fiscal e, por conseguinte, tributar por parte dos bens que a propia xustiza española considera de orixe descoñecida e exporse a algún procedemento no caso de detectarse novas propiedades, unha posibilidade polas causas que ten abertas e por carecer de inviolabilidade desde a súa abdicación.

O rei emérito sábese protexido pola xustiza española e o aparato do Estado. Porén, tenlle medo ao xuízo pendente en Londres após unha denuncia da súa ex parella Corinna Larsen. Neste sentido, unha resolución xudicial dos tribunais británicos podería fixar obrigas para un cidadán empadroado no Estado español, polos convenios asinados co Reino Unido, mais non así para as persoas residentes nos Emiratos Árabes Unidos, até o punto de que non existe a extradición entre ambos os Estados.

Juan Carlos I e Felipe VI

A Casa Real desexa manter unha aparente distancia con Juan Carlos I. As supostas diferenzas entre Felipe VI e o seu pai libran ao fillo de ter que responder das infraccións cometidas polo emérito, dar explicacións sobre a súa fortuna e ficar salpicado polas delitos financeiros deste.

Ademais, en contraposición co proxenitor, o actual monarca pode lexitimarse como un rei alleo á corrupción, cun alto sentido ético do servizo público e sen as pexas do seu antecesor.

O círculo de Sanxenxo

O círculo do rei emérito en Sanxenxo está formado, esencialmente, por xentes de negocios, de profundas conviccións monárquicas e situados en posicións ideolóxicas de dereita extrema. Precisamente, tanto Juan Carlos como o fillo son hoxe referencias para ese sector de opinión, até o punto de que as diversas sondaxes sobre a Casa Real sinalan que a súa acción só é aprobada polos votantes do PP, Ciudadanos e Vox.

Pedro Campos

Pedro Campos Calvo-Sotelo é un caso paradigmático destes. Persoa ligada ao mundo do deporte da vela desde hai décadas, compañeiro desde hai moitos anos de aventuras náuticas de Juan Carlos e presidente do club náutico de Sanxenxo. Campos é neto do político reaccionario José Calvo Sotelo, curmán do presidente do Goberno do Estado Leopoldo Calvo Sotelo, e home de fondas lealdades monárquicas e seguidor declarado do xornalista Federico Jiménez Losantos.

Abanca e Escotet

O banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet, presidente do grupo Banesco e máximo accionista de Abanca, fai tamén parte do círculo persoal do emérito. De feito, a ex parella de Juan Carlos de Borbón Corinna Larsen ordenou a vixilancia de Escotet a unha axencia de detectives suíza en 2018, que o considera “un home de palla” do rei emérito. O encargo de Larsen foi descuberto polo diario El Pais en abril de 2022, sendo investigados canda Escotet persoas ligadas aos negocios do monarca, como Alberto Alcocer, Alberto Cortina, Allén Sanginés Krausse, Álvaro de Orleáns ou José Cusí.

O segundo de Escotet e conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, é outra das amizades de Juan Carlos I. O executivo ferrolán está ligado ao negocio bancario desde 1998, cando entrou no Banco Echevarría, de cuxo principal accionista, Javier Echevarría, é xenro,  e destaca pola súa proximidade aos populares José Manuel Romay Beccaria e a Alberto Núñez Feixoo. Precisamente é curmán de Eva Cárdenas, a parella de Feixoo.

Cesar Elízaga Viana é outro dos empresarios da corte de Sanxenxo. Neste caso, trátase dun madrileño ligado desde hai anos ao club náutico da localidade, cuxo nome acadou relevo tras aparecer nos papeis de Panamá, asociado a Ignasi Maestre Casanovas. Este último foi acusado polo xuíz Velasco de partillar negocios con Edmundo Rodríguez Sobrino, suposto home de palla do antigo presidente madrileño Ignacio González.

O empresario británico con intereses na Galiza Peter Dubens é outro dos habituais no círculo do emérito en Sanxenxo. Propietario da fábrica de velas de Cuntis, está considerado como a persoa que comezou a recadación de diñeiro para pagar as débedas de Juan Carlos

Sanxenxo, como Marbella

O alcalde de Sanxenxo, o popular Telmo Martín, destaca as vantaxes para a actividade turística de Sanxenxo da presenza do rei emérito. Porén, a estadía do Borbón asemella Sanxenxo cada día máis a aquela Marbella de Jesús Gil que provocou a decadencia actual da localidade andaluza.