Cortado o tráfico ferroviario no Vicedo ao colidir un convoi cunha árbore

Convoi accidentado esta terza feira no Vicedo (A Mariña). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
As pasaxeiras estiveron atrapadas no interior do tren máis de dúas horas.

A liña de ancho métrico que conecta Ferrol con Oviedo volveu rexistrar esta terza feira unha nova incidencia. O tráfico ferroviario permanece interrompido debido a un accidente no que un tren que colidiu contra unha árbore que caera sobre as vías á altura do municipio do Vicedo, na comarca da Mariña. 

O suceso tivo lugar ás 10.15 horas e saldouse sen persoas feridas, segundo trasladou o CIAE 112 Galiza. O tren, no que viaxaban once pasaxeiras e o maquinista, chocou cunhas árbores á altura da parroquia de Negradas. Os e as ocupantes do tren permaneceron durante dúas horas e cuarto no seu interior até que chegou ao lugar a asistencia de emerxencias. O accidente tivo lugar á saída dun túnel en dirección a Oviedo, nunha zona estreita entre noiros onde un piñeiro invadiu o paso do convoi. A árbore provocou a ruptura do vidro dianteiro do vehículo e deterioracións na parte superior do mesmo. 

As viaxeiras e o maquinista tiveron que agardar até as 12.30 horas para poder abandonar o interior da máquina. Arredor das 14 horas un tren desprazado ao lugar trasladounos a Ortigueira (comarca de Ortegal), onde Renfe puxo á súa disposición taxis para que puideran desprazarse finalmente aos seus lugares de destino. 

Até a zona do sinistro desprazáronse técnicos de Adif e integrantes da agrupación de Protección Civil do Vicedo para retirar as árbores que bloquean o tránsito pola vía. Fontes de Renfe apuntaron esta terza feira que o incidente afectaría os servizos de media distancia Oviedo-Ferrol e Ferrol-Ribadeo de onte, para os que se ofreceu tamén unha alternativa de transporte por estrada. 

Incidencias frecuentes

As incidencias como a rexistrada esta terza no Vicedo non son novidade nas liñas ferroviarias da Galiza. A mesma ruta estivo cortada en varias ocasións ao longo do ano 2023 precisamente por árbores derrubadas sobre a vía, e en novembro de 2023 un tren Feve saíu da vía entre Ortigueira e Ribadeo ao arrolar un tronco. O accidente desta terza feira súmase a descarrilamentos en trens de mercadorías como o rexistrado o 23 de agosto de 2023 entre Vilamartín e a Rúa (comarca de Valdeorras) e ao acontecido en xaneiro, á altura de Silleda, na liña que une a capital galega con Ourense.