Xuízo do Alvia

Cortabitarte suprimiu en 2008 as comisións de seguridade entre Renfe e Adif, segundo un dirixente sindicalista

Sala da Cidade da Cultura na que se está a xulgar o accidente do Alvia. (Foto: Europa Press)
O daquela presidente do comité de empresa de Renfe, Juan Carlos Cañas, intervén nunha nova sesión do xuízo.

O ex director de Seguridade de Adif Andrés Cortabitarte, un dos acusados no xuízo polo accidente do tren Alvia, "puxo de manifesto" que un decreto de 2008 "xustificaba a eliminación" das comisións mixtas de seguridade entre Renfe e o administrador ferroviario.

Así o asegurou esta cuarta feira durante a súa declaración o ex presidente [na actualidade secretario] do comité de empresa de Renfe, Juan Carlos Cañas, que comparece a proposta do avogado que defende o maquinista Francisco Garzón, o outro procesado.

O letrado de Garzón tamén lle preguntou se "todos os teléfonos da rede ferroviaria" son titularidade de Adif, ao que este sindicalista, liberado desde 2008, respondeu que iso é "correcto".

Cañas participou de grupos de traballo sobre seguridade ferroviaria da Axencia Ferroviaria Europea e trasladou a "sorpresa" que manifestaron os seus responsábeis cando sucedeu o sinistro da curva de Angrois, onde morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas.

Vían "inconcibíbel", do mesmo modo que el, segundo asegurou nesta nova sesión do xuízo, que a liña non contase coa supervisión "completa" do sistema de control da velocidade 'ERTMS'.

"Nós non compartiamos a súa tese e non nos volvemos reunir", agregou, en referencia á parte social. Segundo dixo, ese decreto implicaba "continuar" coas comisións mixtas e incorporar a empresas privadas, pero "esa regulación non se produciu xamais".

"A partir daquel momento que desaparecen as comisións mixtas, os traballadores das operadoras, como podían trasladar as problemáticas de seguridade?", preguntoulle o avogado. "Imposible, directamente imposíbel", respondeu.

Así, afirmou que o "traslado de incidencias ou cuestións que houbese que rebater ou revisar con Adif finalizaron" e o "único procedemento que existía e estabeleceu 'motu propio' Lanchares —homólogo de Cortabitarte en Renfe-- foi a xeración de reunións propias e exclusivas de Renfe Operadora".