Xuízo do Alvia

Cortabitarte e Garzón volverán coincidir e terán dereito a intervir na última sesión do xuízo do Alvia

O maquinista, Francisco Garzón, sentado detrás de Cortabitarte na sala. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Tras a lectura de informes por parte de Fiscalía, acusacións populares, acusacións particulares, Avogacía do Estado, Renfe e as aseguradoras, tocará a quenda de expor os seus últimos argumentos ás defensas dos dous acusados.

O maquinista Francisco Garzón e o ex director de seguridade de Adif Andrés Cortabitarte volverán coincidir e terán dereito á última palabra na sesión desta quinta feira, que porá fin a case 10 meses de xuízo oral polo accidente do Alvia en 2013.

Tras a lectura de informes por parte de Fiscalía, acusacións populares, acusacións particulares, Avogacía do Estado, Renfe e as aseguradoras, tocará a quenda de expor os seus últimos argumentos ás defensas dos dous acusados.

Por iso, tanto Garzón como Cortabitarte terán a obriga de asistir á vista oral que se desenvolve desde outubro pasado na Cidade da Cultura de Santiago. Aínda que é habitual que o ex alto cargo da empresa pública Adif asista en xornadas relevantes, o traballador de Renfe só acudiu cando así o requiriu a xuíza.

O proceso para determinar responsabilidades penais e civís polos 80 mortos e os 145 feridos que causou o sinistro ferroviario estivo marcado nas últimas semanas polo cambio de postura do representante do Ministerio Público, que retirou a súa acusación contra o ex responsábel de seguridade e só a mantén contra o maquinista.

Esta decisión foi criticada polo resto das partes, salvo Avogacía do Estado (que representa Adif) e o seguro desta empresa pública (Allianz Global).

A recta final tamén cadrou co décimo aniversario da traxedia, na cal as vítimas volveron á capital galega para homenaxear os falecidos, exixir xustiza e denunciar as "mentiras" e a "razón de estado" que ven presentes ao longo de todo este tempo e na vista oral.

Primeiro Cortabitarte, despois Garzón

De acordo coa orde que seguiron as intervencións ao longo destes meses, é previsíbel que o letrado que representa Cortabitarte sexa o primeiro en tomar a palabra esta quinta feira, para defender a súa absolución. O mesmo fará, a continuación, o avogado de Garzón, tras o que o xuízo quedará visto para sentenza.

Ambos están acusados de 80 homicidios e 145 delitos de lesións por imprudencia profesional grave, pola análise de riscos o primeiro e a condución o segundo.