'El Correo Gallego', xa á venda: o xulgado afirma que hai varias entidades interesadas

Nave de 'El Correo Gallego'. (Foto: El Correo Gallego)
O xulgado non garantirá a continuidade de todo o cadro de persoal, senón que quedará en mans do comprador decidir se manter ou non todos os postos de traballo.

Despois de que a Editorial Compostela, empresa editora de 'El Correo Gallego', anunciase a súa creba o pasado 23 de xullo, o xulgado encargado do seu concurso de acredores aprobou o procedemento de liquidación dos seus bens.

Durante un prazo de dez días, as distintas entidades e persoas interesadas en mercar o xornal, principal activo da editorial, deberán presentar as súas ofertas, que "deben ir acompañadas dun depósito de 20.000 euros”.

Pese a que a Editorial Compostela presentara unha oferta vinculante por parte dun terceiro que non se deu a coñecer, a xuíza instrutora decidiu abrir un sistema de venda aberto a máis compañías, xa que "hai máis dunha entidade do mesmo sector que cando menos manifestou o seu interese".

En concreto, o auto detalla que os posíbeis compradores son "medios de gran difusión no mesmo ámbito xeográfico e dedicadas á mesma actividade" que a desenvolta por 'El Correo Gallego'.

Sen garantías para o cadro de persoal

Outro dos puntos que estabelece o escrito da maxistrada é que a entidade que finalmente adquira o medio de comunicación non terá a obriga de manter a totalidade do cadro de persoal, algo que nun primeiro momento exixiran os traballadores e traballadoras do xornal.

O xulgado argumenta que obrigar á "sucesión de empresa plena", mantendo a totalidade do cadro de persoal con nómina actualmente en 'El Correo Gallego', “suporía a imposibilidade de vender a unidade produtiva e polo tanto a desaparición do tecido empresarial e dos empregos da concursada na súa totalidade”. 

"Tristemente non garante co mesmo alcance os dereitos dos traballadores aos que non se estenda a sucesión da empresa”, lamenta a xuíza.

Porén, matiza que esta decisión "facilitará en maior medida que se produza a venda, saíndo eses traballadores [os que permanezan nos seus postos de traballo] beneficiados e non resultando prexudicados os traballadores excluídos porque están na mesma situación que se esta non se producira”.