Sanidade

Denuncian un novo colapso nas urxencias do CHUS: "Estaban os corredores cheos de pacientes"

Urxencias do CHUS, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
Segundo a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS produciuse outro "colapso" no cal se vulneraron os dereitos á "intimidade e dignidade".

O servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) tivo na tarde da segunda feira un episodio colapso cunha alta demanda de pacientes -450 persoas atendidas-- polo que, segundo denuncia unha asociación de usuarios, houbo varias cadeiras de rodas e padiolas "nos corredores de accesos" esperando a ser atendidos.

Segundo a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS produciuse outro "colapso" no cal se vulneraron os dereitos á "intimidade e dignidade". De acordo co seu relato, a situación "foi empeorando" até que ás 15.21 horas eran 24 pacientes "graves".

Este colectivo, que difundiu un vídeo da situación a través de redes sociais, culpa desta saturación -que "debería ser excepcional", pero está a "converterse en normalidade", asegura- á Xerencia do CHUS pola súa "incapacidade" de xestión.

Tamén a acusan de facer "caso omiso" xa non só das "denuncias públicas", senón tamén "das múltiples reclamacións presentadas" polos pacientes e polos requirimentos de Inspección de Traballo.

A versión do hospital

Pola súa parte, fontes da Xerencia da área sanitaria de Santiago recoñecen o repunte vivido a segunda feira, esta terza a situación está a “normalizarse”.

Este pico "retardou o proceso de ingresos en planta", tal e como admiten as mesmas fontes, que defenden, non obstante, que aqueles doentes críticos -os que son clasificados como de prioridade 1 en triaxe- son atendidos "de maneira inmediata" e "non esperan".

Ademais, sosteñen que os tempos asistenciais se cumpriron "segundo os protocolos" e cun "magnífico traballo por parte dos profesionais", destaca a Xerencia, que tamén reivindica o "importante esforzo" realizado nos últimos dous anos nas urxencias do Clínico para ampliar os seus espazos, aumentar o seu persoal.