O coronavirus segue a ser letal nas residencias

Familias das persoas falecidas en residencias pediron "xustiza, dereitos e dignidade" en Compostela.
O avance da pandemia provocada polo coronavirus na Galiza agravou a situación sanitaria e fixo aumentar o número de falecidos. O incremento das cifras ameaza con reducir o drama das residencias a simples números. Mais a realidade dos centros de maiores, que seguen a ser un dos focos de contaxio máis castigados pola morte, convida a observar a súa magnitude desde outra punto de vista: o da falta de recursos e control para garantir a supervivencia das residentes mediante unha asistencia de calidade.

A evolución da pandemia da Covid-19 na Galiza non deixou de empeorar nas últimas semanas. Ao incremento do número de contaxios sumouse a suba das hospitalizacións e dos ingresos en unidades de críticos que levaron o Goberno galego a tomar diferentes medidas de restrición, tanto da mobilidade como da interacción social co fin de frear a propagación do virus. 

A área sanitaria de Ourense anticipou un avance negativo agora xeneralizado que tamén comeza a observarse a través do número de falecementos. Sen acadar as cotas rexistradas durante a primeira vaga da enfermidade, non deixa de crecer.

O goteo de mortes, incesante desde os primeiros días de agosto despois de case dous meses sen anotar ningún caso volve sinalar directamente a gravidade da situación nas residencias da terceira idade.

A Consellaría de Sanidade informou na tarde da terza feira, 3 de novembro, de sete novos falecementos, dous deles vinculados a residencias. Antonte notificara un total de 21 defuncións, a cifra máis alta rexistrada na Galiza nun só día no que vai de segunda onda da pandemia. A metade das persoas eran residentes en centros de maiores. Todas, salvo unha muller de 85 anos que faleceu na residencia Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia, morreron no hospital, mais procedían da residencia de Salvaterra de Miño, da Ballesol de Oleiros, da Nosa Señora dos Milagres de Barbadás e da San Miguel de Silleda.

Un millar de falecidos

Tras este ascenso, Galiza achégase ao millar de falecidos diagnosticados con coronavirus. Os primeiros meses da epidemia foron os máis duros, sen materiais de protección suficientes e con medidas de seguridade máis laxas que acrecentaron a virulencia dos brotes e as súas consecuencias. Desde mediados de marzo até finais de abril, Galiza rexistrou 565 mortes, segundo os datos divulgados por Sanidade na súa web. Perto da metade, 251, procedentes de centros da terceira idade.

274 mortos até xuño

Naquela altura, a Xunta xa decidira intervir os centros de maiores DomusVi Barreiro, en Vigo, e DomusVi Cangas para convertelos en residencias integradas e tratar de garantir a calidade asistencial das usuarias ante o elevado número de positivos por coronavirus detectado en ambos os dous casos. Xuntas, chegaron a superar as 60 mortes ás portas do verán.

Mais non foi a única intervención por parte do Goberno galego. Política Social tamén se fixo co mando da residencia privada Nosa Señora de Fátima do Barco de Valdeorras durante o pico da pandemia mais dispuxo da residencia Porta do Camiño, en Compostela, e doutro centro en Baño de Molgas para a asistencia de persoas maiores con Covid-19 procedentes doutras institucións do territorio. Entre outras da residencia San Carlos de Celanova e da DomusVi San Lázaro da capital galega, dous focos de contaxio magoados polo coronavirus, con 11 e 53 persoas falecidas respectivamente, segundo as familias.

Mais a primeira vaga da Covid estendeuse até primeiros do mes de xuño. Despois dunha xornada de pausa sen mortes, a do 29 de abril, a conta de falecidos aumentou durante o mes de maio até estabilizarse nos 619, 274 no caso das residencias de maiores.

70 mortes nun mes

O inicio do verán consolidou unha tregua que se estendeu até comezos de agosto, momento no que se empezou a falar do inicio da segunda onda da pandemia. Nestes tres meses, Galiza rexistrou 332 novos falecementos, até alcanzar os 951. Nas residencias, desde o 20 de agosto, día en que Sanidade informou de dúas novas mortes, o número de persoas falecidas ascendeu até as 412, o que representa 138 novas defuncións.

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]