O coronavirus SARS-CoV-2 deixa paso ao virus da gripe fóra da temporada invernal

Os virus respiratorios comúns volven circular despois de permanecer ocultos pola pandemia. (Foto: Arxina).
Após dous anos a gripe volve producir ingresos "nada desprezábeis", nomeadamente na área sanitaria de Ourense, coa poboación mási envellecida da Galiza.

A partir da vindeira semana a pandemia da Covid inicia unha nova etapa. O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordaron a pasada terza feira un cambio na epidemioloxía desta enfermidade que, despois de dous anos, deixará de ser unha doenza de declaración obrigatoria para todos os casos. A recomendación de probas diagnósticas e illamentos desaparece para a poboación sa menor de 60 anos e seguirá vixente só para casos graves, persoas, e ámbitos vulnerábeis. A Covid empezará a tratarse máis coma unha gripe, cuxos casos comezaron a crecer nas últimas semanas coincidindo coa diminución dos casos de coronavirus e unha relaxación paulatina das medidas de control.

"Estamos vendo moitos ingresos por gripe A, provocados por unha clínica respiratoria aguda en pacientes vulnerábeis, sobre todo con patoloxías respiratorias previas", afirma en conversa con Nós Diario Juan José González Soler, especialista en Medicina Interna no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e vicepresidente da Sociedade Galega de Medicina Interna. Se hai pacientes en hospitalización con resultados serolóxicos positivos para gripe A, di "significa que o virus está a circular en toda Galiza". "Ao baixar a incidencia da Covid estamos a ver unha repunta dos virus respiratorios estacionais, que durante os últimos dous anos permaneceron ocultos".

Vixilancia sentinela

González Soler apunta unha primeira vaga de gripe no mes de febreiro con "pacientes coinfectados" pola variante Ómicron do SARS-CoV-2 e polo virus da gripe. Agora, precisa, "o número de casos de gripe A está a ser moito máis alto", tamén porque o número de diagnósticos serolóxicos que se realizan é maior. 

Desde primeiros de ano, ás persoas que acoden a urxencias  con criterios de ingreso por un cadro respiratorio fáiselles unha proba que detecta, ademais da Covid, a gripe e o virus sincitial respiratorio, no marco dun sistema de vixilancia sentinela que busca, segundo acordou Sanidade cos territorios, unha vixilancia da infección respiratoria aguda "máis sostíbel no tempo e máis eficiente para os profesionais".

Este sistema de vixilancia detectou nas últimas semanas unha repunta dos casos de gripe fóra da temporada invernal,a demais dunha xiro da positividade no conxunto do Estado, chegando a superar a da Covid, de 7% fronte 26% da gripe.

A poboación menor de 15 anos foi a máis afectada na primeira semana de marzo. Con todo, a peor parte lévana os pacientes máis vulnerábeis. É o perfil máis común na área sanitaria de Ourense, a máis envellecida da Galiza e "a máis centenaria de Europa". "Sobre todo atendemos doentes con problemas pneumolóxicos ou cardiolóxicos previos ademais de persoas moi anciás con cadros graves", cunha "porcentaxe de ingreso nada desprezábel de pacientes infectados por gripe A", maior do habitual.

Neste momento, di González Soler, hai estudos epidemiolóxicos que apuntan unha maior circulación do virus da gripe A que da Covid. "Que non chegue a tensionar o sistema sanitario ten que ver coas medidas de protección. Se mantemos as máscaras, ventilamos e evitamos espazos concorridos nunhas semanas alcanzaremos o pico e desaparecerá".

H3N2, o virus da gripe que máis está a circular este ano

Detrás das gripes comúns que se dan cada ano, hai sempre unha cepa viral predominante. Este ano prevalece, explica Juan José González Soler, prevalece a H3N2, "que produce, clinicamente unha gripe A". Este grupo de virus, que é o que máis está a circular e a identificarse, é diferente do grupo ao que pertence o virus empregado para elaborar a vacina que se administrou esta temporada. "Ten moi poucos antíxenos que se correspondan co virus H3N2, polo que a cobertura é menor, mais non significa que non protexa dos cadros graves e diminúa a mortalidade".